Volve a Arzúa o ciclo de música na rúa con catro concertos de balde durante o mes de agosto
- Laura Moure
- 30 jul 2024
- 2 Min. de lectura
MJ Pérez, Nahlax, Iria Estévez e Paty Lesta & The Hits actuarán na Praza de Galiza con entrada libre e de balde
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza, dentro da programación cultural de verán, unha nova edición do Ciclo de música na rúa baixo o título de En Aberto. Este ano prográmanse un total de catro concertos ao aire libre. Os mesmos celebraranse na Praza de Galiza ás 21:00 horas, serán de balde e con acceso libre.

Este xoves, 1 de agosto, terá lugar o primeiro recital da man da arzuá MJ Pérez coa xira X+I coa que celebra os 10 anos de traxectoria musical, con catro álbums, diversos sinxelos, colaboracións e máis de 200 concertos en Galicia e Portugal. Fará un repaso dos seus mellores temas cun aire fresco e competamente renovado, con predominio do pop-rock mais con espazo para outros estilos como ritmos latinos ou a música portuguesa. Pois se algo defina a esta artista é a súa versatilidade e capacidade de navegar por diferentes estilos mantendo sempre a súa esencia intacta.
Neste ciclo tamén se subirá ao escenario o xoves 8 de agosto a cantante madrileña afincada en Melide, Nahlax, cunha profunda mestura de R&B, pop e son acústico.
Publicidade
O xoves 22 será a quenda de Iria Estévez e a proposta De Amália a Chavela, un emotivo espectáculo no que a música convértese na ponte que une a dúas lendarias figuras femininas: Amália Rodrigues e Chavela Vargas.
A última actuación correrá a cargo do grupo Paty Lesta & The Hits o xoves 29 de agosto. Este cuarteto de versións formado por contrabaixo,batería, piano e voz propón un repertorio cheo de versións de Michael Jackson, Tina Turner, Luz Casal, Elvis Presley, Miguel Ríos e Queen, entre outros.
Publicidade
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, convida a toda a veciñanza e visitantes “a participar neste ciclo de concertos que xa está asentado no verán arzuán” e salientou que “nove anos despois da súa posta en marcha segue a caracterizarse pola variedade de estilos pensando en agradar a todos os públicos”.
Comments