Paraíso Canto, ITH, Somoza Trío e De Ninghures actuarán na Praza de Galiza
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza, dentro da programación cultural de verán, unha nova edición do Ciclo de música na rúa baixo o título de En Aberto. Este ano programaranse un total de catro concertos ao aire libre. Os mesmos celebraranse na Praza de Galiza ás 21:00 horas, serán de balde e con acceso libre.
Hoxe, xoves, 3 de agosto, terá lugar o primeiro recital da man de Paraíso Canto. Paraíso Canto son Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, veciños do rural de Pontevedra con diferentes traxectorias musicais, desde a clásica á tradicional pasando polo jazz. Partindo da música de tradición oral galega, procuran un son persoal con arranxos propios, experimentando tamén con outras músicas ibéricas, lusófonas e doutras culturas do mundo.
Publicidade
Neste ciclo tamén se subirá ao escenario o grupo rock de Xanceda ITH para presentar o xoves 17 de agosto o seu último traballo Solsticio de verán.
O xoves 24 será a quenda de Somoza Trío formado por Fran Leiro, Rocksteady Bob e Pablo Somoza, tres músicos de longa traxectoria que nos farán gozar coas súas versións dos mellores clásicos do pop, soul, reggae, funk e blues dos 80 e 90 e con algunha pincelada de temas máis actuais.
Publicidade
A última actuación correrá a cargo do grupo De Ninghures o xoves 31 de agosto. De Ninghures é unha banda do novo folk galego que nace das inquedanzas de xente nova de diferentes puntos da nosa xeografía. Partindo da tradición galega presentan un repertorio con claras influencias de músicas doutros pobos da Península Ibérica, América Latina ou o Magreb. Presentarán en Arzúa Aquí, o seu primeiro traballo discográfico gravado nos Estudos Abrigueiro da man do compositor e produtor musical Arturo Vaquero.
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, convida a toda a veciñanza e visitantes “a participar nestes concertos programados para poñer en valor a calidade das agrupacións musicais galegas con diversos estilos para todos os gustos e públicos”.
Comments