Laura Moure/Silleda
A parroquia silledense de Cira celebra nos vindeiros días unha nova edición da súa Semana Cultural. O ciclo, que cumpre xa 45 anos, arranca o vindeiro mércores 15 de novembro ás 20 horas coa conferencia Alimentación e saúde nas diferentes etapas da vida a cargo da dietista silledense Raquel Romero Gasamanes.
Publicidade
O xoves 16 ás 20 horas é o turno do monólogo O día da festa realizado por Pablo Chichas, humorista e coñecido locutor de Radio Estrada. Na xornada do venres día 17 haberá un espectáculo A toda maxia da man do Mago Deimi, tamén ás 20 horas no escenario do centro social da localidade.
O sábado 18 será o día que terá ao público máis novo como protagonista. Así, de 17:00 a 20:00 horas celebraranse actividades infantís. A continuación haberá un campionato de truco.
Para pechar o ciclo cultural, o domingo 19 terá lugar o tradicional xantar de confraternidade, amenizado polo Dúo La Hora Bruja, ás 13:30 horas.
Publicidade
A cita está organizada pola Comisión de Festexos de Cira e a Concellería de Cultura do Concello de Silleda. A Semana Cultural de Cira foi pioneira no rural de Silleda e a día de hoxe esta iniciativa é a máis veterana do municipio, con máis de catro décadas de traxectoria, e a única que se conserva como tal.
Comments