Concertos, pasarrúas, e actividadespara o público infantil centran a programación ata xullo, que se completará con novas apostas en agosto e setembro
Laura Moure/Silleda
A programación cultural en Silleda para este verán volta co lema do pasado ano, MoVEMOS Silleda, cunha serie de actuacións e propostas nas que terán peso as agrupacións locais. Así, este venres arrancou a Semana da Música en Silleda con distintas audicións segundo instrumentos e disciplinas e un concerto a tres bandas este sábado nos xardíns da Escola de Música de Silleda, ás 19:00 horas. Ademais este sábado, o centro da Bandeira da Escola de Música Municipal tamén realizar o concerto de fin de curso. Será na praza da Feira ás 20:00 horas.
A vila de Silleda.
O domingo volta a Romaría do Rapaz, cun formato reducido con dúas actividades: a carreira de orientación pola mañá (en horario de 11:00 a 14:00 horas) e a actuación de Desastronauts ás 19:00 horas no anfiteatro, cun espectáculo de circo aéreo. Na carreira participarán máis de 200 persoas, que non coincidirán na saída.
O luns 28 arrancarán as actividades de Silleda, a vila do mañá, dirixidas a nenos e nenas de 5 a 14 anos, e que se desenvolverán en distintas ubicacións de Silleda, en horario de mañá e de tarde.
Xa no mes de xullo, o grupo de música e baile tradicional Xirandola, celebrará o seu festival ás 19:30 horas na praza da Feira da Bandeira, nun formato máis reducido que en anos anteriores.
A programación de xullo tamén traerá a terras silledenses o Galaico Brass Festival, da man da Banda Artística de Merza, que organiza nos exteriores de Carboeiro o martes día 6 o concerto da formación holandesa Concertgebouw Brass Quintet.
O venres 9 de xullo, xornada festiva no municipio de Silleda, o cuarteto Gaiteiros de Ardebullo fará un percorrido polas dúas de Silleda, onde a Asociación Cultural O Lacón organiza dúas degustacións, ofrecendo o produto de xeito individualizado ás persoas que se achegen.
A primeira delas será ás 13;00 horas na praza da Igrexa e a segunda pola tarde, na praza de Juan Salgueiro, ao remate do Festival de Bandas Xuvenís no que participarán a Banda Xuvenil de Silleda e a Xuvenil da Estrada. Ás 22:30 está previsto o concerto da Garufa Blue Devil Band, unha big-band galega que actuará na rúa Pintor Colmeiro (na intersección ca rúa Alonso Paz).
O sábado día 10, tamén na vila de Silleda haberá unha sesión vermú itinerante ca charanga Eravisto e pola tarde animación infantil a cargo da Super Pandi na praza Juan Salgueiro.
O domingo 11 a música de bandas será a protagonista en Silleda. A Banda de Música Municipal de Silleda dará un pasarrúas pola mañá e ás 20:00 horas protagonizará xunto ca Banda de Música Cultural de Teo o festival “Un país de Bandas”, organizado dende a Axencia Galega das Industrias Culturais.
A sección da clarinetes da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira completa o sábado 17 a programación prevista para xullo.
O programa MoVEMOS Silleda, con actuacións e propostas ao aire libre, continuará nos meses de agosto e setembro, con máis propostas nas vilas de Silleda, A Bandeira e no mosteiro de Carboeiro, que se irán anunciando nas próximas semanas. Todos os concertos serán con público sentado.
תגובות