Volta a Silleda o programa de atención ás crianzas da Asociación Antonio Gandoy
- ecosdacomarca

- 13 sept 2024
- 1 Min. de lectura
A primeira sesión terá lugar o martes 17 de setembro ás 17:00 horas no Centro Social de Maiores de Silleda
Ecos da Comarca/Silleda
A Asociación Antonio Gandoy, en colaboración co Concello de Silleda, volve poñer en marcha este mes de setembro Espazos das familias, preescolar na casa, unha iniciativa
dirixida a pais, nais e titores de nenos e nenas de entre 0 e 6 anos. Este programa busca converterse nun espazo de formación, apoio e orientación para as familias no proceso de crianza, facilitando ferramentas para mellorar tanto a xestión emocional como o desenvolvemento educativo dos máis pequenos.

A través de charlas impartidas por profesionais en pedagoxía e xestión emocional, as familias participantes poderán adquirir coñecementos e habilidades que lles axuden a enfrontarse aos retos diarios da crianza, dende a educación emocional ata o acompañamento no crecemento persoal dos nenos. O programa ofrecerá un enfoque práctico e de lecer, onde as familias poderán compartir as súas experiencias e resolver dúbidas.
Publicidade
A primeira sesión terá lugar o martes 17 de setembro ás 17:00 horas no Centro Social de Maiores de Silleda, onde se abordarán temas relacionados coa primeira infancia e o desenvolvemento emocional dos nenos.
Esta actividade está aberta a todas as familias do municipio que desexen participar, e contará cunha serie de sesións ao longo do curso académico. As persoas interesadas en participar poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través do correo electrónico antoniogandoyeducacion@gmail.com ou chamando ao teléfono 686 446 838.







Comentarios