O obradoiro de arqueoloxía , promovido polas Concellerías de Educación e de Cultura, deu comezo esta semana nas instalacións do Museo do Campo e a Mecanización
Laura Moure/Silleda
O programa didáctico Arqueocampo volta este ano a Silleda despois dunha exitosa primeira edición celebrada en 2016. Este obradoiro científico, que busca achegar aos máis novos ao mundo da arqueoloxía ademais de promover a divulgación e o respeto polo patrimonio, está financiado polo Concello de Silleda, a través dos departamentos de Educación e de Cultura.

Durante tres semanas máis de 400 alumnos e alumnas de todo o municipio coñecerán dun xeito ameno e práctico- como coñecer e descubrir a nosa prehistoria a través do traballo arqueolóxico. A actividade, que contará cun total de 27 sesións, desenvólvese este ano nas instalacións do Museo do Campo e da Mecanización de Silleda. Nenos e nenas de toda Primaria e tamén varios grupos de secundaria dos centros silledenses desfilarán estes días polas citadas instalacións para converterse en arqueólogos por un día, con sesións prácticas que inclúen ademais unha unidade didáctica.
Os participantes, despois dunha explicación previa, realizan a súa propia excavación, na procura de restos de cerámica e outros elementos como sementes que terán que fotografar, tratar, analizar e posteriormente arquivar. Para facer a simulación aínda máis realista tamén atoparán carbón vexetal e ata restos de polen que poderán ver a través do microscopio, e que os axudará a entender mellor cómo era a vida dentro do castro.
Esta iniciativa innovadora na comarca de Deza pretende ademais inculcar á poboación máis nova o coñecemento pola ampla riqueza arqueolóxica do municipio de Silleda, así como inculcar valores coma o respeto polo destacado patrimonio con que conta o territorio.
As concelleiras de Educación, Ángela Troitiño, e de Cultura, Mónica González, achegáronse na primeira xornada de Arqueocampo ata o museo silledense. “Con esta iniciativa ofrécese tamén aos centros de ensino e aos docentes un recurso educativo máis, neste caso dun xeito práctico, para explicar ao alumnado o devir da historia”, indica a concelleira de Educación, Ángela Troitiño
Pola súa banda, Mónica González agradeceu a colaboración do Museo do Campo Galego e da Mecanización, que cedeu ao Concello as súas instalacións para a celebración desta actividade. “Esta é tamén unha oportunidade para que o público máis novo coñeza este novo centro de divulgación, ao tempo que disfrutan dunha forma amena coñecendo de cerca o traballo que se realiza no ámbito da arqueoloxía e a súa importancia para coñecer a nosa historia”, engade.
O proxecto continuará ao longo das próximas tres semanas.
Comentários