Impartiránse clases de lingua galega e castelá na Casa da Cultura de xeito gratuíto para as persoas inmigrantes maiores de 18 anos que estén empadroadas no municipio
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través dos departamentos e Educación e Benestar Social, que dirixe Ángela Troitiño, volve poñer en marcha as clases de lingua no marco do programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante do Concello de Silleda.
Así, na Casa da Cultura, impartiránse clases de lingua castelá os luns e mércores, e como novidade tamén se impartirán aulas de lingua galega os martes e xoves. O horario das sesións será de 10:00 a 12:00 horas. Esta iniciativa está destinada a persoas inmigrantes maiores de 18 anos empadronadas no Concello de Silleda.
Está previsto que as clases den comezo o vindeiro mes de maio. A participación é gratuíta. E as inscricións formalízanse no Centro Social de Silleda en horario de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres. O prazo para participar está xa aberto.
Participantes do programa Anduriña de Silleda noutra edición.
O programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante, ten como obxectivos xerais o impulso da aprendizaxe da lingua a promoción e adquisición de coñecementos sobre a cultura española e galega. Entre os obxectivos específicos figuran que os inmigrantes acaden unhas competencias lingüísticas base na lingua (oral e escrita), o fomento de habilidades sociais ou o dar unha resposta educativa de acordo as necesidades presentadas por cada usuario de xeito individual, tendo en conta o seu nivel académico.
O municipio de Silleda conta a día de hoxe con máis de 800 veciños procedentes de distintos países, o que representa case un 10 % da poboación. “Cremos que este programa axudará ás persoas que chegan a residir ao noso municipio procedentes de países estranxeiros e que non coñecen ben a nosa lingua, a familiarizarse co idioma e mellorar as súas habilidades de comunicación”, indica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ángela Troitiño.
Comments