Este Concello afianza o programa de atención a crianzas de 0 a 6 da Asociación Antonio Gandoy
Laura Moure/Silleda
O DéporCampus Cabreiroá volta este verán a Silleda. As actividades organizadas pola Fundación R.C Deportivo da Coruña terán lugar do 8 ao 12 de xullo próximos para os nenos e nenas de 6 a 14 anos.
Despois do gran éxito das campañas anteriores, as actividades terán lugar de 10:00 a 14:00 horas no campo de fútbol municipal de Outeiriño-Joselu Mato, en Silleda.
As inscricións están xa abertas ata o 2 de xullo ás 14:00 horas e deben realizarse a través da web deporcampus.rcdeportivo.es. Toda a información, prezos e inscricións están dispoñibles no enlace https://deporcampus.rcdeportivo.es/es/silleda-2024/inicio
Para calquera dúbida ou aclaración pódese contactar directamente ca organización a través do enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es.
Publicidade
Dende o Concello de Silleda a alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Deportes, Mónica González, agradecen á Fundación R.C Deportivo que sigan apostando pola localidade para celebrar este campus, que sigue sumando nenos e nenas en cada edición.
Por outra banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar Social e Educación, Ángela Troitiño, visitaron onte o espazo do Centro Social de Silleda no que se desenvolve o programa de atención á infancia da Asociación Antonio Gandoy, para crianzas de 0 a 6 anos.

Esta iniciativa, baixo o título “Espazos para as familias”, que está implementando en silleda esta entidade, socioeducativa, conta xa cun total de 9 familias participantes.
Este programa busca recuperar o que antes era o “Preescolar na casa”, co obxectivo de fortalecer a relación entre pais/nais e fillos/as e tamén fomentar a realización de actividades preventivas e formativas que promovan o exercicio da parentalidade positiva.
Publicidade
En xaneiro comezaron as primeiras reunións para as familias silledenses informando sobre este servizo e xa en marzo, a asociación e o concello acnordaron a continuación deste programa. Actualmente, teñen reunións semanais os martes de 17:30 a 19:30 e seguirán manténdoas durante o curso escolar 2023-2024.
Dende o Concello, a alcaldesa e a concelleira, amosaron o seu agradecemento ao colectivo e destacaron o éxito que está a ter entre as familias participantes.
Comments