Ofrecerá un interesante programa centrado na simboloxía das cores, as matemáticas aplicadas á vida diaria e ao ámbito da criminoloxía
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da área de Cultura e Educación que dirixe Aurora Varela, e en colaboración co IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá nos vindeiros días unha nova edición do programa Camiños do Coñecemento e Experiencia, un proxecto de democratización do coñecemento no que participarán unha vintena de veciños e veciñas do municipio.
A iniciativa que conta cunha parte teórica e outra práctica desenvolverase ao longo de seis xornadas, os días 18,19, 20, 21, 24 e 25 de maio. Os obradoiros e seminarios que forman parte desta iniciativa desenvolveranse na Capela da Madanela e abranguirán tres ámbitos: as matemáticas, unha introdución á criminoloxía e á Política Criminal e un terceiro sobre a simboloxía das cores.
O primeiro dos seminarios impartirase ao longo de dúas xornadas, os días 18 e 19 de maio, e centrarase na interpretación dun feito delictivo. Entre outros aspectos, abarcará a investigación policial, o estudo do comportamento da persoa delincuente, o proceso de vitimización e desvitimización. Falarase da contribución das persoas na prevención de delitos e, consecuentemente, cal é a súa aportación á hora de garantir a seguridade cidadá. Na parte práctica deste seminario realizaranse varias actividades interactivas que consistirán na resolución de casos prácticos e na análise de “huellas dactilares”. Será impartido pola docente Ana Moure Soengas, graduada en Criminoloxía e Política, Investigadora da Universidade de Santiago de Compostela.
O seguinte seminario terá lugar os días 20 e 21 de maio e correrá por conta de María Victoria Otero Espinar, Profesora Titular e investigadora da Facultade de Matemáticas. Versará sobre a influencia das matemáticas na vida cotiá: como xestionar as esperas, algunhas ideas de teorías de colas; Por que temos unha letra no DNI?; Por que os avións non viaxan en liña recta? A parte práctica do seminario desenvolverase coa realización de obradoiros ou mesmo percorridos didácticos de contido matemático.
Os días 24 e 25 de maio terá lugar o último dos seminarios do programa referido á simboloxía das cores. Centrarase en descubrir a relación entre sentimento e cor; coñecer o significado das cores e valorar as cores que configuran a nosa contorna. Constará, ademais, dunha sesión práctica cunha pequena excursión para ver o noso arredor. A docente encargada de explicar a relación que teñen as cores cos sentimentos e axudar a comprender o porqué dese significado será Nerea Varela Castro, colaboradora do Programa Universitario para Maiores.
Aurora Varela, Concelleira de Cultura e Educación e responsable do programa no Concello de Arzúa, convida aos veciños e veciñas a desfrutar deste programa que permite “revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio e recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias”, así mesmo “constitúese nunha alternativa para concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas”.
Se algún veciño ou veciña de Arzúa desexa sumarse a esta iniciativa aínda pode realizar a súa inscrición chamando por teléfono ao número 981 500 000 ao longo desta semana.
Comments