Vivir de maneira autónoma: o impacto do proxecto HAVI nas persoas do centro de Cogami en Medelo
- ecosdacomarca
- 18 jul 2024
- 2 Min. de lectura
Escoitamos os testemuños de dous usuarios: un da Estrada e outro de Cruces
Ecos da Comarca/Deza
“Nunca pensei vivir unha experiencia como esta porque sempre vivín na casa coa miña familia”, son as declaracións de Manuel Gaspar Rivadulla, persoa usuaria dende hai doce anos do servizo de atención diúrna que COGAMI ten en Medelo (Silleda) e que formou parte do proxecto piloto HAVI. Gaspar foi unha das cinco persoas que compartiron unha vivenda en A Estrada e poder, con apoios de profesionais, vivir fóra do núcleo familiar.
Gaspar ten 42 anos, vive nunha parroquia do concello de A Estrada cos pais, a avoa, a cuñada e dous sobriños. Para el, que vive en zona rural cunha vida quizais demasiado tranquila, formar parte deste proxecto supuxo “poder baixar á rúa a pasear, a tomar un café e quedar con xente que coñezo de A Estrada”, explica e que, na súa casa élle máis complicado porque precisa de transporte. Ademais de adquirir hábitos como aprender a levar unha casa coas implicacións de limpar, lavar, ir á compra, xestionar o tempo e o diñeiro, tamén aprendeu a convivir con outras persoas externas ao seu núcleo familiar.

Gustaríalle independizarse pero “precisaría maior independencia económica e unha vivenda adaptada ás miñas necesidades porque teño mobilidade reducida", explica.
Óscar López, de 33 anos e veciño de Vila de Cruces é outro dos usuarios de Medelo que viviu esta experiencia e que describe dicindo “fíxoseme moi curta”. Óscar tamén convive cos seus pais e está acostumado a non colaborar nas tarefas na súa casa. Despois de pasar pola experiencia de compartir piso, aprendeu a cociñar, adquiriu o hábito de limpar, e que agora mantén na súa casa familiar. Resume esta experiencia “moi bonita” da que lle gustou compartir piso con outros compañeiros do centro.
Publicidade
A duración deste proxecto HAVI (Hacia una vida independiente), que financia Fundación “la Caixa”, foi de tres meses, noventa días nos que, co apoio de dúas profesionais tituladas en educación social e tres coidadoras, cinco persoas con discapacidade compartiron unha vivenda no concello de A Estrada. Este proxecto tiña como obxectivo facilitar unha primeira experiencia de vida autónoma ás persoas usuarias do centro de Medelo. Estarían preparadas para ter unha vida máis independente pero non contan coa oportunidade para poder levala a cabo.
Proxectos como este son necesarios porque na contorna no que viven as persoas usuarias do centro de Medelo carece de recursos similares e as persoas que as coidan van envellecendo. Se non se empeza a traballar neste tipo de experiencias, no futuro moitas destas persoas vivirán institucionalizadas, lonxe da súa contorna e en prexuízo dos seus dereitos individuais. HAVI pretende facilitar ás persoas con discapacidade que conten na súa contorna con posibilidades reais de exercer o seu dereito a unha vida autónoma na súa comunidade de referencia.
Comments