O piloto de Palas e o copiloto forcaricense afrontan a súa cuarta proba do ERC co fin de “completar o segundo rallye sobre terra e mellorar o 26ª posto logrado en Liepaja”
Laura Moure/Palas/Deza
O piloto de Palas de Rei Luís Vilariño e o copiloto forcaricense Jose Murado disputan dende este xoves o Rallye de Azores, a súa cuarta proba do FIA European Rally Championship (ERC) 2021, co propósito de repetir “as boas sensacións” experimentadas na República Checa no Barum Czech Rally Zlín, onde finalizaron no décimo quinto lugar.
Aínda que nos tests previos do martes Luís Vilariño e Jose Murado tiveron “un pequeno susto”, con “unha saída de pista provocada pola acumulación de barro”, o coche apenas sufriu consecuencias de alcance e hoxe poderán disputar a cualificación “sen problemas”.
En total, o Rallye de Azores consta de 13 tramos cronometrados, cunha distancia total de 201,74 quilómetros, aos que hai que engadir outros 443,40 quilómetros de tramos de ligazón. “O noso obxectivo é completar o segundo rallye sobre terra do ERC e mellorar o vixésimo sexto posto conseguido en Liepaja. Nos tests e recoñecementos xa comprobamos que hai tramos moi estreitos e con moito barro e calquera erro aquí págase moi caro”, asegurou Luís Vilariño.
Ademais, o piloto de Palas de Rei manifestou o seu desexo de “seguir collendo experiencia, para expor a próxima tempada con maior ambición e afán competitivo, sen deixar de tentar lograr un resultado decente para poder brindarllo aos patrocinadores e tamén á afección portuguesa, que sempre nos segue e anímanos nas redes sociais”.
Comentarios