Laura Moure/Vila de Cruces
Vila de Cruces vestiuse hoxe de gala para desfrutar da súa festa por excelencia do outono: a Festa da Castaña. A celebración arrancou ás once da mañá, tal e como indica o Concello, e foron os máis pequenos da casa os encargados de inaugurar a xornada festiva.

Ao longo da mañá foron sumándose á celebración os veciños da localidade. "Que puideron este ano volver reunirse ao redor dunha mesa para gozar do froito seco do outono: a castaña", sinala o goberno local.
Os seus beneficios
O Concello preparou 250 quilos de castañas e uns 100 litros de viño para acompañar este manxar, unhas existencias que ao longo da mañá fóronse reducindo paulatinamente, conseguindo practicamente esgotar todas as existencias en poucas horas. Este froito, lembra o Concello, "contén máis hidratos de carbono e menos graxas (2,2 gramos de graxas por 100 gramos de castañas) e nada de colesterol polo que reducen o risco de aparición de arterioscleroses, destacando o seu contido en potasio polo que axuda a controlar a retención de líquidos, favorecendo a diureses polo que é útil en problemas de ril e axuda tamén a evitar a hipertensión. Tamén destaca polo seu contido en calcio e magnesio polo que axuda ao desenvolvemento dos dentes e ósos e a evitar a osteoporose".
O alcalde do municipio, Luis Taboada, non quixo perder este evento, no que estivo acompañado en todo momento polo edil de Cultura e Turismo, Julio López, e a concelleira de Facenda, Mireya Otero.
Comments