Laura Moure/Vila de Cruces

Esta fin de semana en Vila de Cruces volveu a respirarse ambiente de festa. Despois da pandemia, a festa por excelencia deste municipio volveu a brillar máis forte ca nunca. Dende o equipo de goberno valoran a XXVIII Festa Gastronómica do Galo de Curral "dun éxito rotundo con miles de persoas percorrendo as súas rúas principais, que estaban cortadas para o evento e goce de todos os cruceños, cruceñas e visitantes".
Os actos comezaron pasadas as 10:30 horas, cos pasacalles amenizados polos grupos folclóricos Arco de Merza e Brincadeira de Carbia. Con estes ritmos tradicionais, deuse paso á exposición de coches Seat 600 que ocupaban a rúa principal da vila.
O acto deste domingo estivo presidido pola humorista Lucía Veiga que deu paso ás actuacións que comezaban con forza coa gran actuación de Broken Peach, que despois de animar ao público con "súa vibrante actuación" deu paso ao pregoeiro deste ano, o xornalista Marcial Mouzo, quen no seu pregón ensalzou o rural e todo do que se pode gozar en Vila de Cruces, non só da súa gastronomía, senón tamén da súa cultura, berce de grandes artistas como Neira Vilas ou Paco Lareo (creador do que hoxe é a imaxe do Galo de Curral).
Lembranza especial de Paco Lareo
Con este último o tenente de alcalde e responsable de Cultura, Julio López, quixo ter un detalle, entregándolle un obsequio á súa irmá Carmen, que é tamén responsable da Fundación Paco Lareo, por ser o creador da imaxe que representou durante todos estes anos á Festa do Galo de Curral.
O éxito culminouse cando entraron en acción as irmáns Azúcar Moreno, "que conseguiron que na praza non collese unha agulla, unhas artistas que fixeron gozar a todos os que a pesar das altas temperaturas decidiron pasar un intre marabilloso, á vez que degustaban o noso exquisito Galo de Curral", sinala o Concello.
Xa pola tarde, despois de gozar deste manxar como é o Galo de Curral, a xornada festiva continuou co XXVIII Festival de Bandas de Galicia, coas actuacións das Bandas de Música Unión Musical Ponteledesma, da de Sanxenxo e a de Lalín, "que fixeron as delicias de todos os asistentes", subliña o Concello.
Autores: T.A.C e L.C.
Comments