Vila de Cruces programa espectáculos gratuítos de música, humor e maxia para este Nadal
- Laura Moure

- 18 dic 2025
- 3 min de lectura
O músico infantil Pakolas presentará hoxe o seu último disco Ecoralia, para descubrir os alimentos ecolóxicos e o respecto polo medio ambiente
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces, dentro da súa programación de Nadal, programou varias actividades culturais gratuítas para estas semanas. Hoxe, xoves, 18 de decembro, celebrarase un espectáculo musical infantil ás 18:00 horas no Auditorio Xosé Casal, unha actividade enmarcada no programa Nadal na Rede de Política Lingüística.
Pakolas chega a Cruces co seu último disco Ecoralia, cheo de ritmo e humor. Será unha tarde perfecta para celebrar en familia, onde a cativada gozará de toda a diversión en lingua galega ao tempo que descobre os alimentos ecolóxicos e o respecto polo medio ambiente.

En “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, Pakolas presenta o seu último librodisco, editado polo
CRAEGA (Decembro-2024), e dispoñible a partir de 2025 en todas as bibliotecas de
Galicia. Neste novo traballo conta e canta a historia de Ecoralia, que ensina a través das
súas cancións a importancia de consumir alimentos ecolóxicos, para coidar o medio
ambiente tanto na terra coma no mar, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.
Dentro do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra, tamén chega un espectáculo a Cruces, Os Fabulosos Cleaners, da compañía Malasombra. Poderase ver
este sábado, 20 de decembro, ás 18:00 horas no Auditorio Xosé Casal, con entrada de
balde. É un espectáculo cheo de pompas de xabón, humor e maxia para toda a familia,
creado por Luis Beviá e Xoque Carbajal, con dirección de Marcos Orsi e Xoque Carbajal e
interpretado por Xoque acompañado de Jouse García.
É unha extraordinaria experiencia visual para toda a familia. O creador alacantino Luis
Beviá, que percorreu medio mundo co seu universo xabonoso (Londres, Hong-Kong,
México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia ou Islandia, entre outros) dirixe a parte técnica
deste sorprendente espectáculo de Malasombra.
Dous operarios da limpeza do teatro, descobren por casualidade as múltiples
posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas. O público sorprenderase e gozará con estas máxicas burbullas; pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. O espectador camiñará da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito, moito humor, e verase sorprendido dentro dun patio de butacas repleto de miles de pompas de xabón.
Publicidade
Xa o domingo, 28 de decembro, o Concello de Cruces organiza unha Gala de Maxia no
Auditorio Xosé Casal, ás 18:00 horas. A Gala de Maxia reúne a tres magos de recoñecida
traxectoria que garanten un espectáculo variado, dinámico e cheo de sorpresas. Sobre o
escenario daranse cita Meiga Belmonte, especialista en maxia infantil, que conecta cos
máis pequenos a través de xogos visuais, participación do público e un ton próximo e
divertido; o Mago Deimi, todo un clásico da maxia galega, que combina a inconfundible
retranca galega con habilidosos xogos de mans e un humor intelixente; e José Rivera,
que sorprende e desconcerta cos seus números de mentalismo, sempre acompañados dun toque de humor que fai ao público cómplice de cada efecto.
Publicidade
Trátase dunha gala pensada para todos os públicos, na que se alternan estilos, ritmos e
emocións, creando unha experiencia completa e entretida, un espectáculo ideal para desfrutar en familia, rir, asombrarse e deixarse levar pola maxia desde o primeiro minuto ata o final.








Comentarios