A inscrición dos equipos estará aberta desde hoxe, mércores 15, ata o 31 de xaneiro
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces, a través da súa Concellería de Deportes, organizará este ano a Liga Local de Fútbol Sala no seu Pavillón Municipal. O prazo de inscrición para participar nesta competencia estará aberto desde hoxe, mércores 15, ata o 31 de xaneiro, e poderase realizar a través do WhatsApp do teléfono 617 409 895.

No torneo poderán participar xogadores nacidos no ano 2008 ou antes. Cada equipo estará composto por un máximo de 12 xogadores e un mínimo de 8, dos que como
mínimo un 60 % deben ser residentes en Vila de Cruces.
O sorteo da primeira xornada será o día 1 de febreiro no Ximnasio Municipal de Vila de Cruces, situado na rúa Centro Médico, 2. Nesta reunión establecerase o calendario da liga, cuxos partidos se disputarán os martes e xoves, cun primeiro encontro de 21:00 a
22:00 horas e un segundo enfrontamento de 22:00 a 23:00 horas.
Publicidade
A información dos horarios dos partidos e a clasificación estará exposta no taboleiro do Pavillón Municipal, ademais de ser enviada aos delegados de todos os equipos. O custo da inscrición será de 60 euros por equipo. Ademais, todos os xogadores que queiran participar no campionato terán que facer un seguro de accidentes persoal, que ascende a 35 euros e que cubrirá os catro meses de duración da liga.
O premio do torneo para o equipo gañador será unha cea nun restaurante da vila. O evento deportivo estará coordinado pola empresa Discóbolo Galicia, responsable da prestación de servizos deportivos no municipio. As bases da liga están dispoñibles nas redes sociais do Concello.
コメント