"Jesús Otero non levou a cabo esta importante obra, a pesar de ser unha necesidade no polígono do Camballón, o que lle costaba constantes multas de Augas de Galicia que estaban pagando todos os veciños", sinala o goberno local
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Consello da Xunta desta pasada semana avaliou a resolución provisional da orde de axudas destinadas á mellora e modernización dos parques empresariais galegos. Un total de 29 municipios, todos eles concellos emprendedores, recibirán 2,1M€. Estas axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto -podían presentarse dúas solicitudes por concello-, están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contra incendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Entre os proxectos apoiados figura un único das comarcas:a instalación dunha depuradora de auga no polígono do Camballón, en Vila de Cruces, a que destina 120.000 euros. O Concello aplaude este axuda porque sinala que é unha gran necesidad.

"Esta obra é unha necesidade imperante para o municipio e representa un importante paso na protección do medio ambiente e a saúde pública. É importante destacar que a anterior administración municipal, liderada por Jesús Otero, non levou a cabo esta importante obra, a pesar de ser unha necesidade apremante no polígono industrial do Camballón, o que lle costaba constantes multas de Augas de Galicia que estaban pagando todos os veciños
e veciñas de Vila de Cruces", sinala o goberno local.
E apunta ademais que "a falta dun sistema de tratamento de auga residual industrial na zona resultou en verteduras directas das industrias presentes aos colectores de saneamento, o que pon en risco a saúde pública e o medio ambiente". O novo goberno local, liderado por Luís Taboada, viu a necesidade de construír esta estación de tratamento de augas residuais industriais como unha das obras prioritarias na súa axenda.
O proxecto ten un valor de 120.000 euros e espérase que teña un impacto positivo na calidade do servizo de saneamento á poboación, ao reducir a carga orgánica de entrada á depuradora de Vila de Cruces. A estación de tratamento de augas residuais industriais no polígono industrial do Camballón permitirá ás empresas da zona cumprir cos límites establecidos no Anexo II do Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, tal e como explica o ente local.
"Ademais, a instalación deste sistema de tratamento de augas residuais reducirá significativamente a cantidade de verteduras perigosas que se envían á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vila de Cruces, o que mellorará a calidade de vida dos habitantes da zona e protexerá o medio ambiente. O goberno local de Vila de Cruces, liderado por Luís Taboada, continúa traballando arduamente para mellorar a calidade do servizo de saneamento no municipio. A construción da estación de tratamento de augas residuais industriais no polígono industrial do Camballón é unha mostra clara do seu compromiso co medio ambiente e a saúde pública, así como co benestar dos seus cidadáns".
Comments