“Vicki e a felicidade” levará hoxe, venres, alegría á Praza de Galiza de Arzúa
- Laura Moure
- 20 jun
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa despedirá hoxe, venres, 20 de xuño, o programa de dinamización lingüística En galego: ata o infinito e máis alá! cunha función pensada para o público familiar. Trátase do espectáculo “Vicki e a felicidade”, da compañía Bandullo Azul, que se representará ás 18.00 horas na Praza de Galiza.

Inicialmente prevista para a Biblioteca Municipal, a actividade trasladouse á praza de Galiza por cuestións técnicas derivadas da montaxe escénica e co obxectivo de aproveitar o bo tempo que acompaña nestes días. Esta función pon o broche final ao ciclo, co que o Concello de Arzúa quixo contribuír á normalización do uso do galego nas primeiras etapas da infancia, a través de actividades lúdicas, culturais e de convivencia.
Publicidade
“Vicki e a felicidade” narra a historia dun neno cheo de enerxía e ilusión que vive nunha aldea onde a alegría semella esquecida. Tras unha conversa coa súa avoa, decide emprender unha viaxe en busca do segredo da felicidade, coa vontade de compartilo coa súa veciñanza. A través de encontros con personaxes curiosos, o protagonista descubrirá que o verdadeiro benestar nace da empatía, da igualdade e dos coidados.
Publicidade
A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, anima ás familias a participar e destacou que “remata unha programación que tiña como finalidade achegar o galego ás primeiras etapas da infancia. E rematamos nun espazo simbólico para toda a veciñanza: a Praza de Galiza. Esperamos que con accións como estas, os malos datos para a nosa lingua se revirtan, e moi pronto o galego ocupe todas as prazas e rúas do país. Que todas as nenas e nenos de Arzúa teñan unha cousa ben clara: que co galego non hai limitacións nin fronteiras. Pois en galego, podemos chegar ata o infinito e máis alá”.
コメント