Ecos da Comarca/Lalín
Este luns a xente volveu saír en Lalín, así coma en outras localidades de toda Galicia, para concentrarse unha día máis en apoio a Palestina. A vindeira concentración prevista será o 4 de decembro.
Este foi o manifesto que se leu onte na capital dezá.
MANIFESTO POR PALESTINA 27/11
Compañeiras, compañeiros:
Encontrámonos nestas rúas — e xa van sete semanas seguidas — porque o xenocidio contra o pobo palestino non cesa. A negativa das mulleres e homes de Gaza a baixaren os brazos, o fracaso absoluto da operación militar sionista e tamén a presión internacional que mobilizacións como esta, en todo o mundo, trasladan a gobernos e institucións supraestatais obrigaron Israel a aceptar unha tregua que non quería, na que non acredita e que tenta facer descarrilar por todos os medios, mesmo atacando quen tenta retornar ao norte da Faixa, onde pretende permanecer de maneira indefinida.
Con todo, hoxe voltamos ás rúas, aquí e noutras 28 localidades da Galiza, porque unha tregua non é suficiente. Sempre o dixemos: a nosa exixencia é por un cesar-fogo definitivo, pola fin do masacre e por levar os responsábeis diante da xustiza.
O que o pobo da Palestina necesita tampouco é unha tregua que veña seguida de novos bombardeamentos macizos contra civís. O que necesita é pór fin a esta ocupación de 75 anos e aos seus crimes, a retirada do covarde exército sionista, a supresión dos colonatos, a eliminación de calquera restrición á mobilidade, ao comercio e ás comunicacións, a liberación dos millares de persoas secuestradas nos cárceres sionistas, e que se cumpra dunha vez por todas cos máis de 4 millóns e medio de refuxiados e refuxiadas palestinas, recoñecéndolles de maneira efectiva o dereito ao regresaren a casa. O que necesita a Palestina é poder exercer o seu dereito de autodeterminación nun país do río ao mar, onde poder vivir en paz.
Publicidade
A tregua é un alivio, mais non nos enganemos! Tampouco evitou que o número de vítimas mortais continuase crecendo. Ducias de persoas feridas perderon a vida sen poderen chegar a uns hospitais arrasados por Israel á mantenta. Ou perdérona estando xa alí, sen que o persoal sanitario puidese facer nada sen medicamentos, anestesia ou os máis básicos insumos médicos. Fican, además, centenares de persoas baixo as toneladas de cascallo sementadas polos bombardeamentos dirixidos propositadamente contra bairros civís e populares, contra escolas, contra mercados, contra mesquitas e igrexas e contra calquera lugar onde a poboación puidese ir á procura de refuxio. As cifras son tan escandalosas que non poden ser esquecidas nin obviadas: máis de 18mil civís asasinadas, 44% das cales son crianzas; 36mil feridas; e 1,7 millóns desprazadas (80% da poboación de Gaza); mais de 60mil edificios destruidos por completo e 164mil danados parcialmente; 22 hospitais, 55 clínicas e 266 escolas atinxidas polos ataques. Nin sequera evitou que Israel continuase a atacar a poboación palestiniana en Cisxordania, deixando 273 mortos desde que comezou esta barbarie e máis de 2.000 secuestrados, nin impediu que seguisen as agresións contra a Siria e o sur do Líbano.
Porén, esta tregua é todo o máis que a autoproclamada comunidade internacional parece disposta a exixir dos criminais israelitas. O noso papel, xa o temos dito innúmeras veces, é sinalar e combater a hipocrisía de quen nos goberna e podería envolverse verdadeiramente en parar este disparate. Sinalar e denunciar que a Xunta de Galiza continúa a súa estratexia de protexer os intereses do capital israelita no noso país e as empresas que comercian cos criminais.
Sinalar e denunciar que a Unión Europea continúa do lado dos xenocidas, evidenciando así o seu propio carácter imperialista cada minuto que pasa, por mais que os seus voceiros e líderes disimulen agora e escondan as declaracións e xestos cos que nos envergoñaron durante as primeiras semanas, cando trataron de impedir as mobilizacións por toda a Europa e perseguían a bandeira palestina e a kuffiya. A nosa presenza nas rúas dilles, tamén a eles, que non esqueceremos o seu apoio intolerábel ao rexime fascista e terrorista de Israel.
Sinalar e denunciar que o Estado español tampouco dá paso ningún e se limita a emitir declaracións que pretenden contentar todas as partes: a humanidade e os xenocidas. Temos que nos preguntar: cal é o verdadeiro motivo para que o goberno español non recoñeza o dereito de autodeterminación dos pobos e, como consecuencia, o Estado Palestino que si recoñecen xa ducias doutros países no mundo? Qué lle impide expulsar a embaixadora sionista por inxerencias e romper relacións con Israel dunha vez por todas?
O povo da Palestina está a facer a súa parte: resistir e negarse a abandonar Gaza. Nós, como pobo solidario, facemos a nosa, que é mobilizámonos e non deixarmos nunca de falar da Palestina; non esquecermos os crimes nin os seus responsábeis; boicotarmos os produtos israelitas e as empresas que van de mans dadas cos xenocidas; e exixirmos ás institucións e entidades que manteñen acordos ou convenios con Israel que os rompan.
Publicidade
E agora toca aos gobernos facer a súa: perseguiren e sancionaren os criminais que dirixen esta agresión permanente contra o pobo palestino e outros pobos árabes da rexión; promoveren os desinvestimentos en Israel e cortaren as relacións diplomáticas cun estado que naceu matando e pretende medrar matando.
Todo este sofrimento deixa o sionismo exposto para sempre a ollos do mundo como a ideoloxía racista e supremacista que é, e o estado de Israel como punta de lanza do imperialismo no chamado Oriente Próximo. Mais debe servir tamén para marcar un antes e un despois na consciencia colectiva dos pobos do mundo: nunca máis debemos permitir que Israel sexa visto como un estado democrático ou un parceiro confiábel co que se relacionar.
Non no noso nome!
Do río ao mar, Palestina Vencerá!
Comentarios