Veciños de Touro visitan o centro de transformación de produtos agrarios de Brión
- Laura Moure
- 18 sept 2022
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Touro
O principal partido da oposición en Touro, o Movemento Veciñal Touro, organizou unha visita ao centro de transformación de produtos agrarios de Brión, un centro pioneiro en Galicia que abriu en 2019 e xa propiciou a apertura de varias empresas na localidade relacionadas con ámbito agrario.

Nel a veciñanza, logo dun curso de formación, pode transformar a súa propia colleita con maquinaria especializada que permite dende o secado ou o envasado até a pasteurización dos produtos. Neste caso o de Brión conta con dúas liñas diferenciadas, unha para as conservas vexetais e outra para masas.
Os produtos comercialízanse baixo a marca "de aquí de arredor". Ademais da vertente empresarial tamén é utilizado por veciños que o empregan para autoconsumo (envasados, etc). A esta iniciativa súmase un matadoiro móbil que permite a venta de aves de corral con rexistro sanitario.

O Movemento Veciñal leva traballando nunha proposta para o concello de Touro dende o ano 2018, ano no que realizaron unha primeira visita á cooperativa de castaña Amarelante en Manzaneda. En vindeiras datas presentarán un proxecto específico, consensuado coa veciñanza, para implementar en Touro de cara á lexislatura 2023-27. Sinalan que é un proxecto tractor que ademais de promover a economía de proximidade xera sinerxías entre a comunidade local. Consideran que é un servizo básico para un municipio rural como Touro.
Comentarios