Laura Moure/Monterroso
Veciños de Monterroso critican o estado "lamentable" no que se atopan as estradas do municipio, entre elas as propias rúas do casco urbano. Alertan que sen ir máis lonxe, se poden atopar con máis dun na estrada principal, na N-640, e engaden que pasa o mesmo nesta estrada no veciño municipio de Antas de Ulla.
"Falamos só dalgúns exemplos do casco urbano de Monterroso, xa non nos imos ás estradas de entrada do pobo porque non acabariamos nunca, porque hai cada fochanca", indica un destes veciños. "E diante do Concello hai un montón que son imposibles esquivar", especifica.
Isto supón unha molestia para a xente que circula a miúdo por este lugar, porque ten que ir pendente para evitalos xa que poden causar máis dun desperfecto nos vehículos. "É unha pena porque non podes atravesar o pobo sen facer slalom", apunta este lugareño. Ademais, indica que xa levan tempo así, aínda que "tapáronos algo pola Volta Ciclista a España, pero aínda están peor", incide. Cabe mencionar que a 75.ª edición da Volta a España, celebrouse por etapas entre 20 de outubro e o 8 de novembro de 2020, pasando por varios municipios das comarcas da Ulloa e de Deza.
Os veciños piden ás autoridades competentes que tomen cartas no asunto para que arranxen canto antes estas fochancas e fagan unha reparación en condicións "non que serva só para dous días", insisten.
Comments