Ecos da Comarca/Silleda
Contigo Silleda reitera as queixas de veciños do lugar de Maragouzos, na parroquia silledense de Saídres, por un niño de avispas asiáticas. "No mes de agosto xa puxeran en coñecemento de Concello a existencia dun niño de considerables dimensións próximo ás vivendas. Veu aquí un señor no mes de agosto sacarlle unha foto ao niño e preguntar onde se comía ben en Silleda e non volveron aparecer por aquí", afirma un veciño, tal e como asegura Contigo Silleda. Ata a data continúan esperando a que os responsables de eliminar os niños de Vespa Velutina o retiren.
O presidente da formación, Julio Ramos, mostra preocupación ao ver que cada día, os veciños de Silleda e do rural "están máis abandonados" e teme que calquera día a noticia poida ser “un veciño ou mesmo unha neno vítima da velutina". Indica que hai pouco máis dunha semana informara a Seaga a presenza doutro niño en A Cañoteira, tamén nesta mesma parroquia silledense, "que ata a data simplemente realizaron as tarefas complementarias, e que tamén está pendente de ser retirado, sen que ata o momento realizáronse os correspondentes labores".
"A localización dos niños nunha distancia de menos de 300 metros e a proximidade ás vivendas preocupan á veciñanza. Os veciños están moi fartos desta situación e o pasotismo tanto do goberno local como da oposición, deixan claro que están máis interesados nos votos, que nos problemas dos veciños. Púidose comprobar que a cantidade de velutina que se ve “asombra” e non se descarta que coa caída das follas das árbores existan máis niños. Se non queren axudar aos veciños, que llo digan, para que poidan tomar as súas decisións. Os veciños non dan abasto a baleirar as trampas", recalca Ramos.
Ademais, insiste en que o Concello "sabe perfectamente que os trámites para solicitar a retirada dun niño é complexo para calquera veciño, dado que unha empresa estatística privada é quen recolle os avisos e logo comunícallo ao Seaga".
Contigo Silleda insta ao executivo local a que deseñe un plan para colaborar coa veciñanza, para presionar á administración encomendada e así axilizar os labores de fumigación dos niños. "É inútil e absurdo repartir trampas aos veciños, senón se eliminan os niños".
Comments