Varios colectivos rexeitan a expansión do viñedo industrial en Bendaña, Touro
- ecosdacomarca

- 23 ago 2025
- 4 Min. de lectura
A Plataforma Si a un rural vivo, o SLG da Comarca da Ulla e a Asociación Defensa da Ulla Verde están loitando para evitar esta situación
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma Si a un rural vivo, o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla e a Asociación Defensa da Ulla Verde, veñen coordinando as súas actividades para "loitar pola defensa da vida, da saúde, da biodiversidade, da paisaxe e da economía local da Comarca da Ulla, hoxe gravemente ameazadas pola expansión do viñedo industrial que prolifera a ambos lados do río". "Por este motivo, manifestamos o noso contundente rexeitamento ao proxecto da Adega Martín Códax, que pretende implantar novos viñedos na parroquia de Bendaña no concello de Touro, concretamente nas parcelas coñecidas como “Zanca do Seixo” e “Zanca Grande”".

Un proxecto con consecuencias múltiples
"Un proxecto coma este non fai máis que intensificar os graves impactos do viñedo industrial na comarca, que vimos denunciando reiteradamente e que se poden resumir en:
Avance cara ao monocultivo do viñedo en todo o terreo da Comarca da Ulla que está incluída na D.O. Rías Baixas.
Contaminación das augas, do aire e do solo por abonado, herbicidas e pesticidas, o que supón un grave risco para a saúde das persoas que habitamos a comarca e para a fauna, incluída a acuática.
Perda de biodiversidade e impacto paisaxístico coas talas masivas de monte e de especies autóctonas.
Ameaza directa para as pequenas adegas, que se verán desprazadas dos mercados locais e de proximidade pola presión das grandes empresas. Esta situación agrávase nun contexto de forte inestabilidade nos mercados de exportación, especialmente despois dos recentes acordos entre Estados Unidos e a Unión Europea en materia de aranceis. Cómpre lembrar que, segundo datos da propia D.O. Rías Baixas, xa se destina á exportación o 30% da produción.
Ameaza tamén para os viticultores e viticultoras que venden a uva ás adegas e que poden sufrir importantes baixadas de prezos, chegando incluso á posibilidade de non ter quen lle compre as uvas —algo que xa aconteceu nesta última vendima na Ribeira Sacra—.
Dificultade para acceder á terra para os labregos e labregas, tanto os que están en activo como para os e as que se queiran incorporar a actividade.
Risco para a importante produción hortícola da comarca da Ulla, que pode verse seriamente afectada polos residuos de pesticidas procedentes do viñedo industrial.
Uso excesivo de auga para a rega dos viñedos, algo que xa estamos vendo en plantacións xa existentes como na resolución publicada no DOG de 2 de abril de 2025, no que se autoriza á empresa Viñedos Altos de Torona, S.L. (xunto con Bodegas Altos de Torona, S.A. e Adegas Tollodouro, S.A.) ao uso de augas con fins de rega por un volume anual total de 68 256 m³; ou no DOG de 21 de xuño de 2024 no que se autoriza ao Rectoral do Umia S.A.U. por un volume anual de 29.824 m³.
Impacto nas vivenda e na veciñanza. En moitos lugares, tamén na parroquia de Bendaña, xa hai vivendas cos viñedos industriais pegados e que están afectadas directamente polos pesticidas",
En base a todo o exposto, lembran estes colectivos, que se presentaron alegacións durante a fase de consulta pública, tanto por parte das tres entidades mencionadas como da inmensa maioría da veciñanza de Bendaña, nas que se solicita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que rexeite a Avaliación de Impacto Ambiental e declare estes proxectos como non viábeis desde o punto de vista ambiental.
Publicidade
As súas esixencias
"Entendemos que o Goberno galego debe parar inmediatamente este despropósito de avance da viticultura industrial, polo que esiximos que se tomen as seguintes decisións:
En primeiro lugar, non se deben autorizar novas plantacións de viñedo industrial, nin en terreos agrícolas nin en terreos forestais. Tampouco resulta aceptábel continuar a realizar avaliacións de impacto ambiental de maneira illada, proxecto por proxecto. É imprescindíbel unha avaliación global e profunda de todos os impactos, tendo en conta os efectos acumulativos de todos eles, que debe ser asumida pola administración autonómica. Ademais, cómpre garantir que este proceso estea libre de calquera conflito de interese".
En segundo lugar, apuntan, "tampouco se poden seguir autorizando nin pozos, nin captacións superficiais para a viticultura industrial. Xunto a isto, débese elaborar un estudo profundo do impacto nas capas freáticas e nos recursos hídricos dos pozos xa existentes ligados a esta viticultura industrial. A auga é un Dereito Humano e, como tal, a Administración galega ten que garantilo. Neste contexto, esta situación resulta especialmente preocupante, porque a implantación destes viñedos pode provocar escaseza de auga tanto para o abastecemento da veciñanza como para a realización das actividades que sustentan as economías locais. Isto é debido a que estas plantacións cortan bosque —que cumpre funcións protectoras do ciclo hidrolóxico—, e ademais usan grandes cantidades de auga para a rega. Esta realidade é aínda máis grave tendo en conta o aumento das temperaturas e as prolongadas secas que vimos padecendo.
A maiores, tamén presentamos un escrito no Concello de Touro, solicitando que presente alegacións contra estes novos proxectos en todas as fases de tramitación".
Publicidade
"Pedimos protección para a Ulla e para o seu futuro. Os grandes proxectos de viticultura industrial buscan beneficios a curto prazo sen ter en conta ás persoas que habitan o territorio e poñendo en risco a contorna e a vida na zona.A Ulla non está en venda, nin se negocia. A Ulla deféndese. E por iso rexeitamos este e outros proxectos semellantes que atenten contra a nosa terra".








Comentarios