Vía libre á nova senda peonil de Prado-Bodaño en Lalín tras a sinatura do convenio coa Deputación
- Laura Moure
- 1 feb 2022
- 2 Min. de lectura
A velocidade limitarase no tramo a 30 quilómetros por hora e habilitaranse cinco pasos de peóns elevados para favorecer o tránsito peonil e dar maior seguridade aos viandantes
Laura Moure/Lalín
A creación da nova senda peonil de Prado-Bodaño (EP-6005) en Lalín xa ten luz verde tras asinar no Pazo Provincial a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Xosé Crespo o convenio para executar a obra, que ten un orzamento de 324.000 euros dos que a institución provincial aporta o 80% e o Concello o 20% restante. A máxima responsable da Deputación resaltou trala sinatura que a actuación vai na liña do modelo de mobilidade amable, sostible e centrada nas persoas que abandeira a institución, coa que “melloramos a mobilidade peonil e damos novos servizos respondendo ás necesidades da veciñanza e creando espazos atractivos para as persoas que nos visitan”. O alcalde, pola súa banda, salientou que a construción da senda “humanizará unha zona importante de uso habitual por parte dos veciños e pola que se accede ao Centro Social de Prado e ao santuario do Corpiño”.

O paseo terá unha anchura mínima de 2,5 metros e unha lonxitude de 600 metros entre a intersección coa N-525 e o núcleo de Vilar do Río. O proxecto prevé a adaptación do espazo da ponte sobre o Rego de Santa Lucía como zona de convivencia entre peóns e vehículos para dar continuidade á senda. A velocidade limitarase no tramo a 30 quilómetros por hora e habilitaranse cinco pasos de peóns elevados para favorecer o tránsito peonil e dar maior seguridade aos viandantes. Ademais instalarase unha nova rede soterrada de pluviais en todo o treito e habilitarase unha cuneta de formigón transitable. O proxecto inclúe tamén a reposición do pavimento en todo o tramo e a execución dunha nova rede soterrada de alumeado público por debaixo da senda e a actuación completarase coa mellora da sinalización horizontal e vertical.

“Temos que favorecer unha mobilidade que priorice ás persoas e ademais incluiranse actuacións que non se ven, pero son fundamentais como as redes soterradas”, destacou a presidenta, que manifestou o seu desexo de que a senda “sexa pronto unha realidade e poidamos pasear por ela”. Ademais, salientou a necesidade de crear novos espazos públicos que a veciñanza demanda despois de dous anos de pandemia. “Melloran a calidade de vida e redundan no mantemento da poboación nos concellos. A xente desexa vivir en espazos naturais e desde logo o Deza vai sobrado destes espazos; é un paraíso natural”, explicou.
O alcalde de Lalín apuntou que na zona de Prado-Bodaño na que se creará a senda “hai agora unha certo perigo ao carecer de beirarrúas, e ademais accédese desde alí ao Centro Social de Prado e ao santuario”. Xosé Crespo agradeceu á presidenta o apoio da Deputación ao Concello. "Iinvestimos as aportacións en beneficio dos veciños con servizos de calidade. A cidadanía vai agradecer estes novos espazos”, subliñou.
Comments