top of page

UxR e o PSOE critican a traxectoria de Somoza como edil e din que volverá marchar tras os comicios

"Con moita ilusión, gañas e enerxía xa afrontamos as eleccións coa mellor candidata para revalidar a maioría absoluta", subliña Luis López, exalcalde de Rodeiro


Ecos da Comarca/Rodeiro

Esta semana o PP de Rodeiro anunciou que Cati Somoza será a súa candidata á Alcaldía para os vindeiros comicios municipais. Unidade por Rodeiro e o PSOE cuestionan a súa traxectoria como concelleira e consideran que Somoza acabará abandonando de novo a política tras as eleccións.

"Cati Somoza foi a miña primeira tenente de alcalde durante nove anos e onte (polo día da elección) vivín unha noite chea de ledicia cando a militancia do PP de Rodeiro aupouna e respaldouna por unanimidade para ser a nosa candidata á Alcaldía nas eleccións do 28 de maio. Hai que agradecerller ao alcalde Rubén Quintá e ao grupo municipal a súa xenerosidade e traballo, a Cati que puxera Rodeiro e ao PP por riba de todas as cousas e á familiar popular de Camba que sexan simplemente os mellores", sinala o delegado da Xunta en Pontevedra e exalcalde de Camba, Luis López. "Con moita ilusión, gañas e enerxía xa afrontamos as eleccións coa mellor candidata para revalidar a maioría absoluta", subliña.


O que di Unidade por Rodeiro:

"Ao final, o Partido Popular de Rodeiro, non conseguiu encontrar unha persoa para encabezar a candidatura e ten que forzar a Cati Somoza, veciña de Lalín. De todos e sabido que Cati non quere liderar a candidatura nin ser alcaldesa, como ela ten recoñecido en númerosas ocasións, está centrada na súa vida profesional, pero, as presións políticas conseguiron o que Lugués necesitaba.

É incomprensible esta decisión senón fora porque o Partido Popular avergoñase das persoas que a día de hoxe compoñen o goberno e pretenden darlle un aire novo cunha vella candidata.

Que o PP aposte pola persoa que abandonou o goberno en plena pandemia para traballar en Rodeiro e facer vida en Lalín. Nos momentos onde ninguén debería escapar das súas responsabilidades políticas, Cati presentou a súa renuncia sen importalle a situación da veciñanza.

A maiores destacar a bagaxe de Cati Somoza ao fronte das diferentes áreas do goberno municipal ao longo dos nove anos:

Área económica:

  • En pandemia non convocou ningunha liña de axudas.

  • Dende o ano 2017 no presentou os orzamentos.

  • Non baixou o IBI urbana a pesares de telo prometido. Rodeiro teno mais alto que Lalin.

Área de urbanismo:

  • Non foi quen de designar o nome as ruas do casco urbano.

  • Non executou a reforma do PXOM para vivenda unifamiliar.

  • A reforma da Avenida Gumersindo Areán é responsabilidade de Cati.

  • Seguimos sen depuradora.

Área de Medio Rural:

  • As pistas están desfeitas e outras necesidades básicas tamén se deixaron de lado.

Polo que, podemos dicir que Cati Somoza non é a candidata que Rodeiro necesita. Polo de pronto, todos contamos que Cati, no mes de xuño vai presentar a súa renuncia para volver adicarse ao seu negocio. Sra Cati Somoza, entendemos a presión que someteu Luís López e o PP de Lalín sobre vostede, pero sexa responsable e non se burle dos simpatizantes do PP de Rodeiro que desexan unha candidatura de persoas con ilusión e ganas de traballar por Rodeiro e non a persoas que sinxelamente van para cubrir o expediente por presión persoais".

O que di o PSOE:

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Rodeiro, José Luis Camiñas, celebra que por fin haxa con quen debater sobre o futuro de Rodeiro de cara ás próximas Eleccións Municipais. A confirmación de que Concepción Isolina Somoza encabezará a proposta electoral da dereita pon fin ao baleiro producido trala “fuga” de Luis López, “o Lugués”, e do seu sucesor, Rubén Quintas. A nova candidata, destaca Camiñas, “dende o máximo respecto para a decisión democrática interna doutro partido, non deixa de ser o terceiro cambio de liderado no PP de Rodeiro nos últimos catro anos; parece un equipo de fútbol a piques de descender ao remate da temporada”. Camiñas confía en que tras tantos bandazos, e tanto abandono, a veciñanza confirme o “descenso” o próximo 28 de marzo, sentando aos concelleiros e concelleiras do PP no banco da oposición.


O candidato socialista subliña que Concepción Somoza xa foi concelleira durante o actual mandato, como número 2 do PP, e só aguantou dous anos. “Agora parece que a dereita fixo as paces, obrigada polas caóticas circunstancias nas que está”. Non é descartable, engade Camiñas, que despois das próximas Municipais Somoza volva marchar e, unha vez máis, o PP teña que tirar dos suplentes “porque se algo está claro neste PP é que Rodeiro impórtalles pouco”.


A candidata do PP foi concelleira de Economía e, por tanto, responsable directa da falta de Orzamentos municipais dende 2017. Unha xestión económica desastrosa entre outras cousas, fixo que as familias perderan as axudas á natalidade, que son imprescindibles nun concello no que o reto demográfico está á orde do día.

Ademais, atribúelle a responsabilidade na desfeita da perda da subvención provincial para as obras da praza de Oseira, onde se consumou “unha chapuceira rotonda de pedra serrada ao lado de casas con sillares de pedra magnificamente labrada por xente que, antes ca nós, sabía facer moi ben as cousas”. Camiñas recorda que o Plan Concellos 2018 deu ata tres anos de prazo para executar unha obra que non debería tardar máis de tres meses e o Concello de Rodeiro bateu o record de lentitude na adxudicación das obras tardando case tres anos e medio, perdendo así os cartos dunha subvención para a que a Deputación deu as máximas facilidades.


“Esta candidata é outra, que como o actual alcalde, vai empurrada á candidatura, sen ningunha ilusión, e que, á primeira ocasión que teña volverá dar a espantada, como fixeron “o Lugués”, ela mesma e Rubén, o alcalde efémero”. “Rodeiro”, continúa Camiñas, necesita un alcalde comprometido, que leve Rodeiro no sangue, e que pelexe as 24 horas do día durante os catro anos do mandato pola súa xente. “Eu quero ser alcalde do meu pobo para, cos meus acertos e os meus erros, deixarme o pel pola miña xente. Se son alcalde volvereime presentar dentro de catro anos, porque teño ilusión, teño proxectos ambiciosos e quero sacalos adiante”, conclúe.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page