Ecos da Comarca/Lalín
Tal e como xa vos anunciamos a través das nosas redes sociais, un incendio afectou este venres a unha explotación situada no lugar Barciela, ubicado na parroquia de Vilatuxe, en Lalín. O 112 Galicia foi coñecedor do suceso ás 13:30 horas mediante a chamada dun particular. Segundo os datos que aportaba, unha corte con becerros no seu interior estaba ardendo.
Publicidade
De xeito inmediato, desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención dos Bombeiros de Silleda, dos membros do GES de Lalín, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade. ECOS DA COMARCA tamén nos desprazamos ao lugar.
Unha vez no punto, os equipos de extinción traballaron arreo para conter o lume que se declarara na palla que estaba almacenada no interior da corte. ECOS DA COMARCA estivemos alí e informáronos os presentes que morreron practicamente todos os becerros que había no seu interior, uns 50, porque só menos dunha decena quedaron feridos polo que é necesario sacrificalos. A maiores, as perdas ocasionadas por este incendio son importantes, pois a construción viuse afectada case na súa totalidade.
Publicidade
Con todo, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención do persoal sanitario do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 debido a que o dono da explotación estaba ferido e foi necesario o seu traslado ao centro hospitalario de referencia. Tamén veciños alí presentes nos indicaron a este medio que outro veciño tamén tivo que ser trasladado por queimaduras.
Comments