top of page

Uns 4.000 nenos, entre eles da Ulloa, participarán nos obradoiros e visitas “Da Escola á Granxa"

É unha iniciativa da Deputación de Lugo, que inclúe máis dun cento de actividades nunha trintena de granxas e producións agroalimentarias do rural


Laura Moure/A Ulloa

Medio Rural da Deputación de Lugo financiará 106 obradoiros e visitas a granxas e proxectos de emprendemento no rural no marco da segunda edición do programa “Da Escola á Granxa”. O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns a resolución provisional da convocatoria, coa listaxe das 40 asociacións de nais e pais que se benefician das actividades, pensadas para achegar as novas xeracións ao rural, amosando a importancia do sector primario para a produción de alimentos saudables, a conservación do medio ambiente e da cultura tradicional.

A área dirixida por Mónica Freire inviste 80.000 euros nesta nova edición do programa, financiando os gastos relacionados coas actividades nas que participarán preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Casás, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña, Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes e Santa María (Lugo).

As anpas elixiron nun amplo catálogo educativo que inclúe 29 granxas, repartidas por toda a provincia, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas, ademais de obradoiros de educación ambiental impartidos pola asociación ecoloxista Adega nos propios centros.

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Mónica Freire destacou “o crecemento do programa,con esta segunda edición na que duplicamos o orzamento, ampliamos e renovamos o catálogo educativo incorporando novas granxas e ofrecemos referentes de proxectos produtivos e de vida no rural a máis nenas e nenos” e amosou a súa satisfacción “por unha iniciativa que abriu un camiño novo dentro das políticas que se viñan desenvolvendo desde a Deputación de Lugo con respecto ao rural, facendo un traballo para o futuro contribuíndo a que nenas enenos teñan unha percepción positiva da vida no rural e sexan conscientes da súa contribución económica, ambiental e cultural á sociedade”.

Coa publicación da resolución provisional ábrese un prazo para corrixir posibles erros. Completado ese procedemento, establecerase o calendario das actividades, dacordo coas preferencias e a dispoñibilidade de colexios e granxas.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Novas granxas no proxecto A deputada de Medio Rural agradeceu a colaboración das granxas e producións agroalimentarias que participan no programa, que este ano contaba con novas incorporacións respecto a edición pasada. Son, en total, 29 proxectos de emprendemento: A Casa Labradela de Xove, Galletas Daveiga de Chantada, Fraga do Coto de Vilalba, Fundación Terreo da Ribeira de Piquín, Gandería Alejandro Salvatierra de A Pontenova, Gandería Quintián do Páramo, Gandería Lois Varela de Palas de Rei, Granxa Aeiroá de Láncara, SAT Lodos e Pérez de A Pastoriza, SAT O Palomar de Láncara e Traloagro de Friol, que participaron por primeira vez nesta edición.

Súmaronse a outros proxectos que xa recibiron visitas na pasada edición: Airas Moniz de Chantada, Arqueixal de Palas de Rei, Cooperativa A Carqueixa de Navia de Suarna, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Sen Máis – As Vacas de Ulloa de Palas de Rei, Terras da Mariña – IXP Faba de Lourenzá, Tropic Gaia de Xove, Caurelor de Quiroga, A Casa da Fonte de Pantón, Avicava Natur de Guntín, Casa Bértolo de Friol, Champivil, El País del Abeyeiro de Negueira, Granxa da Caldaloba de Cospeito, Granxa Teixeiro e Pistón de Becerreá, Milhulloa de Palas de Rei, Pazo de Vilane de Antas de Ulla e Muvicla.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page