Foi organizada polo Concello quen sinala "que foi todo un éxito e contou coa aprobación e agradecemento dos participantes"
Laura Moure/Vila de Cruces
O pasado sábado día 11, o Concello de Vila de Cruces organizou unha excursión a Portugal na que participaron preto de 200 veciños e veciñas da vila. Durante a excursión, puideron gozar dun día cheo de cultura, historia e gastronomía en Portugal, "grazas ao esforzo de todas as persoas que o fixeron posible", indica a administración local.
A excursión comezou cedo sobre ás 8:00 horas e a primeira parada foi no entorno de Vilanova de Cerveira visitando tamén a súa famosa feira, onde os asistentes puideron gozar dun ambiente festivo. Despois desfrutaron dun xantar nun restaurante portugués, onde degustaron algúns dos pratos máis tradicionais da súa gastronomía entre os que se atopaban o caldo verde e por suposto o Bacallau.
Posteriormente, a excursión continuou coa visita ao impresionante complexo relixioso Bom Jesus de Braga, onde os participantes puideron desfrutar dunhas vistas impresionantes e coñecer a historia e a cultura do lugar.
O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posible a realización desta excursión, en especial aos chóferes dos autobuses e as guías que atenderon os veciños e veciñas en todo momento, e destacou a importancia deste tipo de eventos para fomentar o turismo e o intercambio cultural entre ambos países.
Durante a excursión organizada polo Concello de Vila de Cruces, algúns veciños expresaron persoalmente o seu agradecemento ao responsable de Cultura e Turismo, Julio López, pola iniciativa e polos éxitos das mesmas. "Algúns deles afirmaron que, aínda que no pasado se realizaran excursións, estas están sendo realmente especiais e diferente a todas as anteriores", sinala o Concello. Ante o recoñecemento dos participantes, Julio López afirmou estar moi satisfeito co resultado da excursión e comprometeuse a traballar xunto aos responsables para organizar a seguinte. Tamén destacou a importancia deste tipo de eventos para fomentar o turismo e a cultura na zona e para ofrecer aos veciños e veciñas de Vila de Cruces a oportunidade de coñecer lugares e tradicións diferentes.
"En definitiva, a excursión organizada polo Concello de Vila de Cruces foi todo un éxito e contou coa aprobación e agradecemento dos participantes, quen xa agardan con entusiasmo a próxima excursión", subliña o equipo de goberno.
Comments