top of page

Unidade por Rodeiro reúnese coas asociacións para informalas das axudas convocadas polo Concello

Ecos da Comarca/Rodeiro

Unidade por Rodeiro convocou ás diferentes asociacións culturais, deportivas e a Anpa coa finalidade de informalas sobre as axudas convocadas polo goberno local. "Destacariamos a boa sintonía e a boa acollida que tivo entre as diferentes directivas", sinala a formación política.

En primeiro lugar, sinala, "explicamos as diferentes alternativas que dende o goberno municipal se pode apoiar aos colectivos culturais e deportivos que se ven condicionadas por non aprobar orzamentos dende o ano 2017 e aclaramos varias promesas incumpridas do goberno municipal".


Entre estas promesas a que se refire Unidade por Rodeiro están, segundo eles, as seguintes: "Prometeron incrementar as axudas para este ano para compensar a eliminación das do ano 2021. Non o fixeron apesares de que era un trámite sinxelo. Da partida de Educación sobraron máis de 12.000 euros das axudas ao transporte debido a que non informaron ás familias que tiñas dereito a ela. Unha vez que o goberno prometeu aumentar a cuantía das axudas culturais e deportivas deberían facer unha modificación de crédito en Xunta de Goberno Local, mais non o fixeron. Tamén prometeran convocalas con tempo suficiente para que se entregaran as axudas no mes de xaneiro, saíndo publicada o 16 de decembro, e tendo de prazo para a solicitude 40 días hábiles, mais os tempos para reclamacións de documentación, revisión e aprobación vemos imposible que cumpra cos prazos".

Así mesmo, recalca que "temos que recordar que o goberno xa mentiu cando dixo que no ano 2021 non se entregaran as axudas por “problemas administrativos”. É falso, calquera pode ver as actas das Xuntas de Goberno e darase de conta de que en ningunha aparece a convocatoria. Por último, comprometémonos coas diferentes asociacións en aumentar as axudas, aprobar axudas directas e convocar as axudas anuais no primeiro trimestre do ano e non na última semana. É importante que as asociacións saiban cos fondos públicos cos que dispoñen".

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page