Solicita que o goberno "contrate canto antes un informe técnico sobre a posibilidade de aumentar en altura o borde do lago contra a zona do parque"
Ecos da Comarca/Rodeiro

"Está claro que non é culpa do goberno que chova pero algo máis pódese facer. Unha vez máis, o parque do lago vese anegado de auga. Isto xa aconteceu outras veces, de feito, no ano 20 pagáronse case 30.000 euros para arranxalo. Está claro que no día de onte choveu de maneira inusual pero tamén está claro que, como xa aconteceu en anos anteriores, volva acontecer a corto prazo. Ante esta realidade climática, Unidade por Rodeiro considera que temos que tomar medidas e non lamentarse mentres as instalacións municipais se deterioran", sinalou onte esta formación política.
En primeiro lugar, cre que o goberno municipal debería ter aberto a trampilla de evacuación. "Non sabemos si seria suficiente pero está claro que menos danos ía haber. Non abrir a trampilla visualiza a deixadez do grupo municipal do Partido Popular. Unha situación de absoluto abandono".
A maiores solicita "que o goberno contrate canto antes un informe técnico sobre a posibilidade de aumentar en altura o borde do lago contra a zona do parque. Borde que, despois da entrada de pas ao interior do lago quedou deteriorado e en mal estado". O voceiro de Unidade por Rodeiro, Alberte Lamazares, considera que ese aumento poderíase facer con pedras de canteira idénticas as que xa están colocadas noutras zonas do propio lago. "Esta solución tamén crearía un bordillo de entre 50 cm e 100 cm de altura polo lado do parque e así eliminaría o risco dalgún día un cativo aceda ao lago".
Comments