Unidade por Rodeiro cuestiona o tema do obradoiro da Xunta concedido a Camba, Agolada e Dozón
- ecosdacomarca
- 29 sept 2022
- 2 Min. de lectura
Considera que fai falta outro tipo de perfís profesionais no municipio como do sector primario ou do SAF aos que se debería destinar este tipo de formacións
Ecos da Comarca/Rodeiro
Unidade por Rodeiro cuestiona o obradoiro promovido pola Xunta de Galicia para a agrupación de Dozón, Rodeiro e Agolada, que se presenta como Freixo II e terá formación en Conservación e Mellora de Montes e Repoboación Forestal e Tratamentos Silvícolas. "A Xunta presume de financiar un obradoiro de emprego en Dozón, Agolada e Rodeiro e non faltaría menos, xa que así o está a facer en gran parte dos concellos da provincia. Onde vemos nós unha anomalía, na solicitude que se fai dende Rodeiro", cuestiona esta formación política.

En Rodeiro, explica, "ao igual que no resto de concellos, temos un problema coa man de obra pero, probablemente onde menos botemos en falta estes traballadores/as é para a Mellora e conservación dos Montes e Repoboación Forestal e Tratamentos Silvícolas.
Onde primeiro ten problemas en canto a contratación de persoal é dentro do Servizo de Axuda no Fogar. É incomprensible que un goberno se queixe continuamente de que non atopa empregados para este servizo e ao mesmo tempo que a profesionalización dos desempregados se canalice para o mantemento do monte".
De maneira secundaria, tamén resalta que "visualizamos demanda de emprego no sector primario e mesmo en albanelería, electricistas, fontanería, etc. Ninguén en Rodeiro entende como o goberno local pode estar tan desconectado da realidade local. Pero isto non é un tema menor, xa que hai moitas familias as que se lles esta privando do SAF, supostamente porque non se encontra persoal e ao mesmo tempo, elaboramos formación para outros perfís. O conxunto do PP de Rodeiro, con Luís López ao fronte, non están a altura das necesidades locais".
Comments