Este luns tivo lugar en ao menos 17 vilas galegas concentracións de apoio a este país
Ecos da Comarca/Lalín
Onte, luns, tivo lugar en ao menos 17 vilas, entre elas Lalín, unha concentración de apoio a Palestina e para reivindicar a súa liberdade.
Este foi o manifesto que se leu na capital de Deza.
"Nos últimos anos témonos reunido moitas veces en apoio a esta xusta causa, denunciando a ocupación que o sionismo impón lentamente, día a día, repudiando as matanzas e o apartheid, denunciando os colonatos ilegais, os encarceramentos sistemáticos, o roubo de terras e unha longa lista de crimes cotiáns. Con todo, desta vez, a situación é máis premente e dolorosa.
Os voceiros do Estado de Israel anunciaron un xenocidio con todas as letras. Puxeron a conta atrás en marcha e, aínda que polo momento a entrada terrestre en Gaza se ten retrasado á espera de condicións máis favorábeis para o sionismo, non podemos deixar de nos revoltar contra o que é un feito sen precedentes.

Non é só o anuncio, nin que toda esta matanza se xustifique por un dereito á defensa que, de maneira delirante, serve para o agresor e non para o agredido. Non é só que se estexa a despregar unha verdadeira traxedia humanitaria ao pretender que máis dun millón de persoas abandonen as súas vidas nunhas poucas horas, arriscándose a nunca mais poderen regresar ás súas casas. Non é só que tal éxodo forzado — unha nova Nakba en pleno século XXI — sexa imposíbel porque, de feito, non hai para onde ir, e porque o mesmo sionismo que ameaza quen non se retire bombardea quen o fai.
É que, ademais, sabemos que este xenocidio conta co apoio entusiasta dos gobernos occidentais, que non levantaron un dedo contra o bloqueo de 16 anos que padece Gaza, e que diante deste novo capítulo corren a tirar fotos nos Territorios baixo a ocupación, prometendo total apoio económico, diplomático e militar a Israel e invocando unha “loita contra o terrorismo” que sae en procesión cada vez que necesitan xustificar as súas accións imperialistas ou as dos seus aliados. Mais non nos enganemos. Se a Palestina non respondese, continuaría a ver como o seu territorio é roubado, sen que se lles preste demasiada atención e coa “comunidade internacional” deixando facer.
Publicidade
Se hoxe estamos aquí, reaxindo contra a impunidade e contra a complicidade dos gobernos occidentais, é precisamente porque esa resposta obrigou a colocar o foco sobre a situación diaria en Gaza e no resto dos Territorios Ocupados. Como cando nos posicionamos de maneira incondicional contra a discriminación racial do apartheid na África do Sur, na Palestina o noso deber é estar contra a ocupación, denunciar o estado xenocida de Israel e tomar acción política.
A comezar por exixir respostas a como é que temos chegado aquí. Porque as institucións internacionais que deberían mediar nesta interminábel ocupación de 75 anos ollaron durante décadas para outra parte, deixando facer, até se converteren elas mesmas en obxectivos militares. Por qué os medios de comunicación que consumimos normalizan este crime e dan espazo aos voceiros do sionismo para espallaren mentiras e odio, tachando as vítimas de terroristas. Porque as potencias que tantas veces invocan o “deber de protexer” para intervir onde mellor lles interesa se colocan desta volta do lado dun agresor tan
impune que anuncia, literalmente, que a súa violencia deixará “imaxes difíceis de
dixerir”.
Porque son completamente ignoradas, como se nunca tivesen existido, as propostas doutros países que exixen o cesar-fogo supervisionado e o inmediato establecemento de conversas de paz que leven a unha saída política a este impasse. Este xenocidio anunciado non pode entenderse se, cando menos, non nos facemos estas preguntas. Podemos facer algo máis que congregarnos nas prazas do noso país exixindo o fin do exterminio do pobo palestino. Estes días somos millóns en todo o mundo.
Publicidade
Pero congregarse non é suficiente. Debemos pór o noso grao de area aderindo á
campaña global de boicote, desinvestimentos e sancións contra o estado de Israel e os seus intereses económicos. Debemos reaxir contra a lexitimación dun Israel que, mentres se presenta como moderno e democrático, se expande a base de colonatos ilegais que implican remover a poboación civil palestiniana a base de violencia e terror. E debemos finalmente denunciar, en todas as súas formas, o imperialismo que suporta Israel porque lle serve como punta de lanza en Oriente Próximo, onde abundan os recursos enerxéticos que Occidente se enriquece rapinando.
Pola autodeterminación dos pobos, pola fin do apartheid e da ocupación. Liberdade para a Palestina!"
Comments