Unha vintena de candidaturas participará no concurso de disfraces de Arzúa
- Laura Moure
- 22 feb
- 1 Min. de lectura
Terá lugar mañá e os premios ascenden a 2.120 euros
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este domingo o acto central do Entroido arzuán. Trátase da celebración do concurso de disfraces que abrirá unha programación que terá continuidade con máis actividades na tarde do martes de Entroido.

Unha vez pechado o xoves o prazo de inscrición, desde a área de cultura consideran un éxito a convocatoria por manter o alto número de participantes dos últimos anos rozando os 300 o que asegura que será un certame atractivo tanto para os concursantes como para o público.
Publicidade
Ao concurso, que se celebrará este domingo ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo, preséntanse un total de 20 candidaturas repartidas nas diferentes categorías aspirantes a facerse con algún dos premios que ascenden a 2.120 euros. Participarán na gala disfraces e colectivos locais, da comarca e chegados de lugares como Porto do Son, Ordes, Santiago, Teo, Narón ou Vilagarcía de Arousa.
O concurso celebrarase co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nun festival que estará presentado polo humorista arzuán Xan Veiga. A apertura de portas será ás 16:00 horas.
Desde o Departamento de Cultura animan á veciñanza a asistir para desfrutar dunha tarde de entretemento na que as risas, a cor e a festa están aseguradas.
Comments