top of page

Unha veciña de Vila de Cruces denuncia as dificultades para poder acceder a súa vivenda

"A pista que dá acceso a nosa casa no lugar de Vilar, está en pésimas condicións, o Concello non limpa nunca o camiño e non arranxou a pista dende fai máis de 30 anos"


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Unha veciña de Vila de Cruces contactou con este medio para facer públicas as súas queixas polo estado lamentable que presenta, segundo ela, o vial que dá acceso a súa vivenda.


Deixamos por aquí o seu comunicado íntegro:

"Quero denunciar o abandono no que nos atopamos por parte do Concello de Vila de Cruces. A pista que dá acceso a nosa vivenda familiar na parroquia de Brandariz, lugar Vilar, está en pésimas condicións, o que dificulta o acceso por medio de vehículo propio. O concello non limpa nunca o camiño, e non arranxou a pista dende fai máis de 30 anos. E malia as múltiples queixas escritas e verbais ao Concello, este non fixo nada.


O firme está moi deteriorado, é practicamente un camiño de terra, hai moita maleza polo medio da pista. Cando chove convertese nunha lameira e noutras zonas, crease musgo que fai que os coches esvaren, o cal representa un perigo. Así mesmo, como mencionei anteriormente, o Concello nunca vén limpar, somos nós quen limpamos tódalas herbas e silvas que veñen para o camiño.

O estado da pista.

Cando vivía meu avó, houbo unha ocasión na que a ambulancia non quixo baixar ao ver o estado no que se atopaba a pista. Os servizos de mensaxería directamente non baixan por medo a que o seu coche sexa danado. O máis agravante, é que o Concello cando ocasionalmente vén a limpar os camiños, limpa toda aldea menos a pista que dá a nosa casa. O anterior alcalde asfaltara metade de Vilar e deixara as últimas casas sen asfaltar.


Agora esta Alcaldía, aproveitando que son as eleccións, limpou e cementou tódalas pistas de Vilar, menos a pista que vai a nosa casa. Pese a que previamente comprometerse persoalmente a solucionar este problema. O mantemento das vías públicas e accesibilidade a vivenda é un servizo básico, o cal o Concello como titular da vía debe facerse responsable, é parte do seu traballo. Se non son capaz de acceder a miña vivenda, como podo vivir aí? E como pretenden dinamizar o rural e que a xente se quede ou retorne? Se non poden garantir algo tan básico coma unha estrada. A situación é realmente vergoñenta.


Non pido que constrúan unha autopista, nin un trato de favor. Simplemente, demando que se asfalte a estrada para que os coches poidan pasar facilmente, e que non se nos discrimine nin exclúa por ser a última casa da aldea, nin por non estar empadroada alí actualmente. Por motivos de traballo, resido fóra, pero sigo indo de vacacións frecuentemente. E de feito o ano pasado, pasei unha longa tempada en Vila de Cruces ao ser miña nai diagnosticada de cancro. Precisamente, trala operación de miña nai, tiñamos que ir a facer as curas tódolos días ao centro médico, e imaxínate a dor que tiña ela co corte, ao ir no coche co estado da estrada e tódalas fochancas.

A casa forma parte do núcleo urbano, e os impostos seguimos pagándoos igual, sen embargo, a cambio non recibimos ningunha contraprestación. Así mesmo, gustaríame salientar que esa mesma pista, dá acceso a diversas áreas de monte e outras fincas particulares, polo que é usada por cazadores e tractores agrícolas ocasionalmente. De feito, no ano 2019, foi utilizada para transportar grandes cantidades de madeira que foi pinchada nun monte próximo. O paso de trailers carrexando grandes toneladas acabou de estragar o firme da pista. Pese que lle presentamos a situación ao goberno local, de novo, non fixeron nada.


En resumo, quero denunciar o deixamento e trato discriminatorio por parte do Concello, que non garante os servizos esenciais e non se fai responsable das vías públicas das que é titular. O acceso a nosa vivenda queda comprometido, e é especialmente preocupante en caso de emerxencias e uso de ambulancias".



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page