O suceso tivo lugar na AP-53, no punto quilométrico 41 en sentido Santiago
Ecos da Comarca/Lalín
Unha persoa resultou ferida ao sufrir un choque entre un turismo e unha furgoneta, no concello de Lalín.
O 112 foi coñecedor dos feitos pasadas as cinco e media da tarde, cando varias persoas particulares chamaron para indicar que unha furgoneta acababa de dar varias voltas de campá, na AP-53, no punto quilométrico 41 en sentido Santiago. Así mesmo, as persoas descoñecían se podería haber persoas atrapadas.
De inmediato, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos Bombeiros de Silleda, ao GES de Lalín, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos servizos sanitarios. Ademais, tamén se lle notificou ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía.
Poucos minutos despois, a dotación dos Bombeiros, chegada ao punto, confirmou que a persoa que circulaba na furgoneta estaba ben e fóra do vehículo. A isto engadiron que no accidente tamén se viu implicado un coche, que estaba situado algo máis adiante na estrada, e no que viaxaba unha persoa que tivo que ser atendida polo persoal da ambulancia, no lugar dos feitos.
コメント