A vítima, un home do municipio de Santiso, conducía un coche sen carné
Os distintos efectivos no lugar do accidente esta tarde en Melide.
Autor: J. N.
Laura Moure/Melide
Unha persoa faleceu esta tarde en Melide tras colisionar o seu coche contra un camión, tal e como informa o 112 Galicia. O suceso ocorreu a primeira hora desta tarde á saída de Melide, dirección Lugo, antes do polígono industrial, concretamente na estrada N-547. O falecido, cuxas iniciais son J. B.G, é veciño do municipio de Santiso e circulaba nun coche sen carné.
Foi un particular quen, ás 15:30 horas, deu aviso ao 112 Galicia dunha colisión entre un turismo e un camión. Na mesma chamada, xa se indicaba que a persoa parecía grave e que podía estar atrapada dentro do coche, ao quedar este en moi mal estado.
Inmediatamente, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros de Arzúa, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, aos membros de Protección Civil do municipio e aos servizos sanitarios de urxencia. Minutos despois desde o lugar dos feitos, os Bombeiros confirmaron ao 112 que tiveron que excarcelar a un señor, duns 75 anos, que estaba atrapado e falecido no interior do vehículo.
Ademais, o 061 mobilizou para o lugar un helicóptero medicalizado que, lamentablemente, nada puido facer. Finalmente, o 112 Galicia puxo o feito en coñecemento do Centro de Xestión de Tráfico e do persoal de mantemento da estrada para restaurar a seguridade da vía.
*Cabe mencionar que esta información foi proporcionada polo 112 Galicia.
Comments