top of page

Unha nova invasión eólica ameaza á comarca de Deza coa oposición frontal do BNG

Ecos da Comarca/Deza

Os nacionalistas rexeitan os máis de 40 aeroxeradores que se proxectan para as comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, "nun modelo estractivista e que non pensa no territorio nin na xente que o habita e que queren impoñer dende o MITECO e a Xunta de Galiza", recalca o Bloque.

Unha nova remesa de parques eólicos, nesta ocasión de competencia estatal por superar cada un deles os 50 MW, pretende ampliar en 41 o número de aeroxenedores  en Terra de Montes e Deza, tal e como alerta o BNG. "Trátase de muíños que poden chegar a medir os 131 metros de altura cun rotor de ata 163 m. dando unha altura total que supera os 200 m. Estes xigantes sementados polos agros onde a veciñanza desenvolve a súa vida e, en moitos casos a súa actividade laboral, estarán a escasa distancia de núcleos de poboación que se van ver afectados polo ruídos, as sombras propias destas instalacións ou os efectos electromagnético das liñas eléctricas, coa preocupación de veciños e veciñas que, novamente se terán que enfrontar a un modelo de “transición ecolóxica” onde Galiza non sae gañando e sofre as consecuencias destes proxectos".


A actual normativa sectorial, explica, "propicia a tramitación simultánea e acumulada de proxectos cuxo enfoque é claramente especulativo e depredador, contradicindo as previsións da planificación enerxética". O Responsable Comarcal lembra que “nas áreas afectadas por esta nova vaga eólica xa se someteron a tramitación numerosos proxectos aos que se superpoñen os actuais de Agritina, Ventoburgo e Agromaces, e nas que a Xunta de Galiza emitiu para os anteriores unha DIA desfavorable no seu momento”. Deste xeito repítese, segundo os nacionalistas, “unha e outra vez a loita veciñal contra o intento de espolio continuado, co que iso implica no desgaste da poboación, que se ve ameazada por multinacionais  nunha batalla que os habitantes do territorio perciben coma desigual e na que os medios dos que dispoñen, tanto económicos coma técnicos e administrativos son moi limitados, tendo que investir parte da súa xornada diaria en enfrontarse aos grandes espoliadores do noso país sen saber cando se van frear estas tentativas constantes”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Boa parte das causas desta nova chegada da ofensiva eólica, considera o BNG, "é a fraxilidade das medidas de protección dos nosos recursos hídricos a nosa biodiversidade, cun goberno da Xunta de Galiza que se nega a ampliar a Rede Natura 2000 e a protexer zonas de especial conservación coma poden ser as zonas húmidas ou os hábitats onde se moven as últimas greas de cabalos salvaxes de Europa e que temos representados nos montes de Sabucedo. Esta falla de garantías legais e instrumentos e medidas previstas para desenvolver a Estratexia de Infraestrutura Verde e para a Conectividade e a Restauración Ecolóxicas deixan ao noso territorio indefenso ante a implantación de instalacións eólicas, que queda patente se nos fixamos nesta nova exposición pública, onde os proxectos bordean a Rede Natura 2000. Un bo exemplo son os aeroxeradores do PE Xestiloi, no mesmo límite da zona protexida das Brañas de Xestoso, en plena ampliación da RN2000, ou os localizados a escasa distancia da Serra do Cando ou do Monte Faro, interferindo na conectividade entre as distintas zonas protexidas, non permitido pola lexislación vixente".


Dende o BNG Xoán Blanco manifesta que “temos a intención de seguir coa defensa do noso territorio, pese a que tanto o goberno do Estado e o da Xunta de Galiza non nolo poñan fácil. Non queremos ser vítimas dun modelo estractivo que o único que fai é aproveitarse dos nosos recursos para beneficio de outros, por iso a nosa negativa a inzar os montes da comarca de aeroxeradores e a nosa man tendida a todos aqueles que queiran unirse á loita contra este modelo depredador”. 






Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page