Unha grande manifestación por mar e terra rexeitará Altri e a Mina de Touro no “Día Mundial da Auga”
- ecosdacomarca
- 1 mar
- 3 Min. de lectura
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa convoca a mobilización o vindeiro 22 de marzo na Pobra do Caramiñal
Ecos da Comarca/Xeral
O vindeiro 22 de marzo, Día Mundial da Auga, o sector do mar e a terra celebrarán na Pobra do Caramiñal unha grande manifestación para rexeitar o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e o da reapertura da Mina de Touro. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) entregou onte na delegación da Consellería do Mar en Carril (Vilagarcía de Arousa) un escrito informando, para coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galiza, de que as embarcacións da terceira liña se van a desprazar ese día entre Carril e A Pobra para asistir á mobilización que este mes foi xa comunicada á Subdelegación do Goberno na Coruña.
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, e os patróns maiores da Ría de Arousa explican no escrito rexistrado este venres que diante da normativa autonómica que impide que as embarcacións da terceira lista se poidan desprazar en sábado por ser fin de semana e non estar permitidos como actividades extractivas, “prevalece o dereito a manifestarse”. Por iso demandaron que a Consellería do Mar dea traslado disto ao Servizo de Gardacostas de Galicia para que “non impida nin multe ás embarcacións da terceira lista que se despracen para ir e vir da devandita manifestación.

Esta nova mobilización do sector do mar responde ao “descontento do conxunto da ría de Arousa coa xestión da Xunta, en particular co abandono do marisqueo e a ausencia de orzamentos e medidas estructurais”. Fronte ao “abandono” ao que a Xunta de Rueda ten condenado ao sector, a mobilización denunciará “o impulso descarado da Xunta a dúas actividades industriais incompatibles coa actividade marisqueira: Altri e a mina de Touro.
Critica a PDRA que fronte á actitude “facilitadora” que a Xunta ten con estes proxectos industriais “expoliadores do noso territorio”, o mesmo goberno sustentado polo PP foi quen de rexeitar cos seus votos no Parlamento de Galicia o pasado mes de outubro a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) avalada por máis de 18.000 sinaturas que reclamaba “que o sector do mar tradicional sexa declarado de interese xeral”. Este rexeitamento do PP á ILP abriu “un período de reflexión na PDRA” logo de ter que escoitar mesa sesión plenaria do Parlamento galego ao PP “gabándose de ter declarado no Consello da Xunta a acuicultura industrial de interese xeral.
A actitude da Xunta de “abandono do sector tradicional do mar sitúanos nun escenario onde calquera proxecto pode arrasar coa produtividade da ría de Arousa e, en xeral, do litoral galego”. Por iso nunha reunión da PDRA celebrada a mediados de xaneiro acordaron por unanimidade enfrontar este “abandono das súas competencias” por parte de la Xunta de Galicia, e combater “as ameazas dos grandes proxectos industriais que a Xunta está a tramitar como Proxectos Industriais Estratéxicos no río Ulla".
A PDRA fará ademais un gran acto informativo sobre o impacto destes dous proxectos sobre a actividade marisqueira. Será o vindeiro 6 de marzo ás 19 horas no Salón Peña de Cambados, en colaboración co Concello. Neste acto falarán dos impactos de ambos proxectos Horacio García, Profesor Titular de Xeografía Física da USC, membro do CIREF e coautor do Informe del CCG sobre o impacto de Altri, Serafín González, presidente da SGHN e investigador do CSIC e Xaquin Rubido, e presidente da PDRA. Ademais colocaránse pancartas nos consistorios en colaboración con varios concellos da banda sur da Ría, como a Illa de Arousa ou Catoira, entre outros.
Comentarios