top of page

Unha exposición reúne o legado do matemático de Bermés

Pode verse ata o 12 de novembro na igrexa da Universidade de Santiago, momento no que iniciará un percorrido por outros puntos da xeografía galega e nacional, en particular o Concello de Lalín e a Casa de Galicia en Madrid


Laura Moure/Lalín

Coincidindo co aniversario do seu pasamento, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu como Científico Galego de 2024 ao matemático José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824). Co fin de divulgar a súa figura, estanse a realizar unha serie de actividades ao longo deste ano, entre elas unha exposición dedicada ao coñecido como “Matemático Rodríguez” ou “Matemático de Bermés”. A mostra inaugurouse este luns na igrexa da Universidade de Santiago onde permanecerá ata o 12 de novembro, momento no que iniciará un percorrido por outros puntos da xeografía galega e nacional, en particular o Concello de Lalín e a Casa de Galicia en Madrid.


A mostra realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a USC; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín. Ao acto de inaguración asistiron, ademais do presidente da RAGC, Juan Lema; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o alcalde de Lalín, José Crespo; o reitor da USC, Antonio López; Elena Vázquez Cendón, do Consello da Cultura Galega; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e o historiador de Lalín Daniel González; entre outros representantes de diversas institucións políticas, educativas e culturais galegas.

José Rodríguez foi un adiantado da súa época, o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional, cun perfil liberal e modernizador. Ademais de matemático,

interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía; mantendo

contactos cos científicos europeos de referencia en cada unha destas disciplinas. Nesta exposición, que abrangue unha visión moi completa deste persoeiro, pódese albiscar a súa enorme relevancia. A mostra realízase en colaboración coa Consellería de Educación,

Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de

Lalín.


Oito ámbitos

A mostra divídese en 8 ámbitos, onde se recolle cronoloxicamente a súa vida e actividade. Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París, onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago e para o seu discípulo Fontán.


No eido da Astronomía, foi profesor e tamén dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado

por Galicia e implicouse na creación dunha Universidad Central, xerme da actual Universidad Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño.


O Observatorio Astronómico Nacional cedeu un círculo de Borda, empregado para medir o arco do meridiano entre Dunkerque e Barcelona, o que permitiu asignar unha lonxitude ao metro. Como bens materiais, Rodríguez deixou libros, mapas, algúns instrumentos científicos e coleccións de mineraloxía que se expoñen nesta mostra, enviados na súa maioría polo matemático á Universidade de Santiago por consideralos fundamentais para “la enseñanza pública”. É o caso dun metro patrón de latón de 1817, subdividido en milímetros, traído polo homenaxeado desde París e que se garda na facultade de Física da USC. Así mesmo, pode admirarse o teodolito que Domingo Fontán empregou para realizar a Carta Xeométrica de Galicia e que na actualidade se atopa na facultade de Xeografía e Historia da USC.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O abade René Haüy, considerado o fundador da cristalografía, regaloulle unha colección de 1024 modelos cristalográficos feitos en madeira de pereira, que se conserva no Museo de Historia Natural da USC, unha selección da cal se exhibe nesta exposición. Esta colección acrecentou o interese dos científicos pola cristalografía e contribuíu a que a Universidade compostelá tivese a primeira cátedra de España nesa ciencia.


Entre o material cedido por outras institucións, destaca unha maqueta do Observatorio

Astronómico Nacional (Madrid) e un círculo de Borda -tamén do OAN-, empregado no século XVIII para medir o arco do meridiano entre Dunkerque e Barcelona, o que permitiu asignar unha lonxitude ao metro. Por outro lado, o Colexio Pío XII de Santiago colabora cedendo o seu planetario.


Ademais de edicións antigas de material bibliográfico diverso, a mostra reúne unha serie de documentos orixinais vencellados ao matemático Rodríguez como a súa acta de nacemento ou o seu título de Bacharel en Filosofía, cartas redactadas por el mesmo, entre outros. Inclúe así mesmo dous vídeos, un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico -elaborado polo Consello da Cultura Galega- sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida. O Concello de Lalín realizou un folleto ilustrado e un podcast sobre a vida do científico, recursos accesibles tamén nesta mostra. A exposición péchase cunha biografía do homenaxeado, realizada polo astrónomo Ramón María Aller, o seu primeiro biógrafo.


Día da Ciencia

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea ao matemático José Rodríguez hoxe, martes, 8 de

outubro, no Paraninfo da Universidade de Santiago. É a figura nomeada como “Científico

Galego do Ano” pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coincidindo co bicentenario do seu falecemento.


Será no Paraninfo da USC, a partir das 12:00 h, e tamén se fará entrega das Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas nesta edición son Antonio Figueras, medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; Santiago Lago, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais; Pedro Arias, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas; Alberto Bugarín, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e Diego Peña, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page