Unha exposición no Parlamento Europeo finaliza a conmemoración do Matemático de Bermés
- Laura Moure
- 29 mar
- 3 Min. de lectura
A Real Academia de Ciencias rendeu homenaxe ao primeiro científico galego internacional, que contribuíu ao desenvolvemento das matemáticas, a astronomía e a xeodesia
Laura Moure/Lalín
O Parlamento Europeo foi escenario do evento que serve de clausura os actos de homenaxe ao matemático José Rodríguez (Bermes, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824), elixido “Científico Galego do Ano 2024” pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Desde o xoves a sala Yehudi Menuhin acolle a exposición que reúne todo o seu legado, facendo un percorrido pola súa vida e actividade. No acto de inauguración participaron o europarlamentario Adrián Vázquez; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde de Lalín, José Crespo; o eurodiputado lalinense Nicolás González Casares; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o presidente da RAGC, Juan Lema; e o presidente da Acsug e académico Juan José Nieto; entre outros asistentes.
Baixo o título “José Rodríguez. El matemático de Bermés”, esta mostra itinerante realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santigo; o
Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín. Contribuirá a divulgar o Matemático
Rodríguez entre os representantes da política comunitaria e os visitantes do Parlamento,
amosando o seu papel como unha das mentes máis brillantes de finais do século XVIII e
principios do XIX.

“Desde a Academia quixemos potenciar a figura do que é considerado como o primeiro científico galego con grande impacto internacional. Cun perfil liberal e modernizador, contribuíu ao desenvolvemento das matemáticas, a astronomía e a xeodesia no noso país.
Agradecemos enormemente a resposta e a colaboración de todas as entidades que nos
axudaron a facelo posible” -manifesta o presidente da RAGC, Juan Lema-.
O Ano Rodríguez
Ao longo do pasado ano e nos primeiros meses de 2025, a Academia desenvolveu unha serie de actividades para dar a coñecer a este persoeiro insigne e as súas magníficas contribucións ao conxunto da sociedade. Programáronse conferencias con expertos, xornadas monográficas en diferentes cidades, colocouse unha placa na igrexa de San Agostiño de Santiago -onde está enterrado- e no Parque das Ciencias da cidade compostelá, e publicouse un libro que recolle a súa dilatada traxectoria científica.
Publicidade
Ademais, a exposición que agora se exhibe en Bruxelas arrancou na igrexa da Universidade de Santiago, logo recalou en Lalín -lugar de orixe do homenaxeado- e tamén se puido contemplar na Casa de Galicia en Madrid; nos tres casos con grande éxito de público.
Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na Universidade de
Santiago. Logo trasladouse a París, onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago e para o seu discípulo Fontán.
No eido da Astronomía, foi profesor e tamén dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidad Central, xerme da actual Universidad Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño.
Comments