Unha das unidades móbiles dos Centros de Información á Muller chega a Boimorto
- Laura Moure

- 6 mar
- 2 min de lectura
A delegada da Xunta, Belén do Campo, anima a toda a poboación a achegarse a este servizo itinerante que ofrece información e asesoramento sobre calquera cuestión persoal ou dúbida que poidan ter
Laura Moure/Boimorto
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, comprobou este xoves o funcionamento dun dos catro Centros de Información á Muller (CIM) móbiles cos que conta a Xunta de Galicia.

Durante a visita, a delegada lembrou que precisamente este domingo, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller, unha data clave para reivindicar os avances acadados e tamén para seguir traballando polos retos pendentes. Neste sentido, puxo en valor o esforzo que se está a realizar desde a Xunta de Galicia na promoción da igualdade, no impulso de medidas de conciliación e na visibilización do papel das mulleres na sociedade galega, reafirmando o compromiso do Goberno autonómico cunha Galicia máis xusta e igualitaria.
Estes recursos itinerantes, nos que o Goberno galego investiu 1,6 millóns de euros, teñen como obxectivo reforzar a sensibilización en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero, chegando especialmente a zonas rurais, onde non existen servizos desta natureza. “É fundamental que este tipo de recursos chegue a todos os recunchos de Galicia, especialmente a aqueles nos que o acceso a información e apoio en materia de xénero é máis limitado”, destacou a delegada.
Publicidade
Concretamente, a representante do Goberno autonómico destacou que neste mes de marzo as CIM móbiles xa estiveron na provincia nos concellos de Camariñas, Cabanas e Boimorto e mañá venres estarán en A Pobra do Caramiñal. En total, este mes, está previsto que percorran 11 concellos da provincia e 42 municipios de toda Galicia.
Cada unidade móbil está composta por persoal profesional e especializado, incluíndo psicóloga e traballadora social, para ofrecer orientación, información e apoio a toda a cidadanía. Segundo Belén do Campo, o obxectivo é que “calquera persoa poida ser un axente activo na prevención e detección da violencia de xénero” e, ao mesmo tempo, que se poidan comprender mellor os roles de xénero e o machismo presentes na sociedade.
PUBLICIDADE
A delegada subliñou que a Xunta quere, a través destes CIM, chegar a todos os recunchos de Galicia, facendo fincapé na importancia de que os recursos cheguen ao rural, onde son máis necesarios e onde a concienciación social require un esforzo adicional para garantir que todas as mulleres teñan acceso a servizos de protección e apoio.
Estes CIM móbiles forman parte do compromiso do Goberno galego de seguir fortalecendo a igualdade e de ofrecer á cidadanía ferramentas para previr, detectar e combater a violencia de xénero en todo o territorio galego.








Comentarios