top of page

Unha concentración esixirá o vindeiro sábado a suspensión inmediata da pesca do salmón no Ulla

Está convocada por ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva e as plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino


Ecos da Comarca/Xeral

ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva e as plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non anunciaron onte en rolda de prensa a interposición de recurso e a convocatoria dun acto de protesta contra a autorización da Xunta do campionato de pesca do salmón con morte que terá lugar o domingo, 10 de maio, en catro coutos do río Ulla.


A concentración terá lugar o día anterior, sábado, 9 de maio, na Ponte Medieval de Pontevea (Teo e A Estrada), baixo o lema “Salmón vivo, Ulla vivo!”, e ten como obxectivo reclamar a suspensión inmediata dun evento que as entidades consideran “manifestamente incompatible” coa crítica situación desta especie, que se atopa ao bordo da extinción en Galicia.

Así pois, as convocantes chaman a mobilizarse en defensa do río Ulla e da ría de Arousa fronte ao que consideran unha agresión máis aos seus ecosistemas. Segundo denuncian, a Xunta mantén unha contradición evidente: a través da Orde de 11 de decembro de 2025 que establece as normas para a pesca continental na actual tempada, a administración vedou o salmón en todos os ríos dado o catastrófico estado das súas poboacións, mais mantivo como única excepción á súa captura este "campionato" de pesca en catro coutos do río Ulla. "É unha decisión arbitraria e carente de base científica", denunciou ante os medios o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas. 


Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido (Xocas), denunciou que a deficiente calidade das augas do río Ulla pon en perigo o salmón e tamén sectores en risco de desaparición coma o das mariscadoras e bateeiras. "A Xunta, en tanto que responsable desta calidade, ten que asumir xa a realidade", concluíu.


Desde a Plataforma Mina Touro-O Pino Non, a portavoz Obdulia Lareo, puxo sobre a mesa os impactos da mina sobre as poboacións de salmón no Ulla, en cuxas escamas se teñen detectado altos niveis de cobre. "O Ulla non é un vertedoiro industrial. Estas minas só deixan miseria no río e na ría de Arousa. Non destruamos máis o pouco salmón que queda", asegurou. 

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Interposición de recurso de Alzada

Neste contexto, as organizacións anunciaron tamén a interposición dun recurso de Alzada contra a resolución da Dirección Territorial de Pontevedra que permitíu esta excepción á veda, ao tempo que solicitaron a suspensión cautelar do evento ao abeiro do Decreto 88/2007, que regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. As entidades lembran que en xaneiro pasado promoveron a inclusión das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) no citado catálogo coa categoría de “En perigo de extinción”, unha proposta actualmente en tramitación e que aínda non recibíu resposta por parte da Xunta.


De acordo coa normativa, esta situación permitiria adoptar medidas cautelares de protección, como a paralización de calquera actividade que poida prexudicar a especie. Vimos de coñecer que Medio Ambiente denegou as medidas cautelares solicitadas por consideralas "improcedentes".O salmón atlántico é unha das especies máis emblemáticas dos ríos galegos, pero leva décadas en acusado declive. Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse en conxunto máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas. Precisamente, un recente estudo da Sociedade Ibérica de Ictioloxía apunta datos aínda máis preocupantes para o salmón: a súa presenza no Lérez reduciuse un 94,8%, e no Ulla un 77,9% nos dez últimos anos.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A concentración do vindeiro sábado 9 en Pontevea enmárcase na campaña #AlertaSalmónGalego, que mantén activa a súa recollida de sinaturas para esixir á Xunta que declare o salmón "En perigo de extinción" e desenvolva un plan de recuperación efectivo. As organizacións impulsoras desta campaña, ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega e Asociación Lobo, rexistraron recentemente ante a Xunta máis de 2.500 sinaturas de apoio, recollidas en pouco máis dun mes, o que consideran unha mostra do aval social á protección desta especie.


“As administracións teñen a obriga de actuar con responsabilidade e baseándose na evidencia científica. Non se pode permitir a captura dunha especie en perigo crítico baixo ningún pretexto”, concluíron. As entidades fan un chamado á cidadanía a participar na concentración do 9 de maio e a apoiar as iniciativas en defensa do salmón e dos ríos galegos. Apelamos tamén á responsabilidade dos colectivos de pescadores participantes no concurso, para que fronte ao desleixo da Xunta, renuncien a pescar salmón.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page