top of page

Unha barcaza que rompe a distancia de dúas aldeas

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O ferri de Portodemouros foi construído no 1977 e funciona durante todo o ano as 24 horas do día


Laura Moure/Cruces/Santiso

Usastes algunha vez o ferri de Portodemouros? Este encoro, situado no curso do río Ulla, está situado entre os municipios de Santiso, Arzúa, Agolada e Vila de Cruces. E concretamente, esta barcaza une as parroquias de Beigondo, en Santiso, e Loño, en Vila de Cruces e nela incluso, se pode cruzar o encoro no propio vehículo. Ademais, funciona as 24 horas do día e durante todo o ano.

Fonte: Ecos da Comarca.


A presa de Portodemouros empezouse a construír a principios de 1964 e inaugurouse o 1 de marzo de 1968. Na súa construción foron necesarias ata 2.000 persoas, algo que recordan os lugareños destas aldeas afectadas e tamén das do arredor.


O encoro anegou centos de hectáreas e a partir de entón os veciños para ir dunha beira á outra tiñan que recorrer por estrada ata 30 quilómetros, provocando un descontento entre a poboación. Ademais, cabe mencionar unha traxedia que conmocionou a contorna. En xuño de 1972, cinco mozos de Vila de Cruces perderon a vida no embalse cando cruzaban a bordo dunha barca; volvían de madrugada, da festa de Beigondo, a parroquia de Santiso na que se toma o ferri para cruzar os catrocentos metros que a separan da provincia de Pontevedra


E foi no 1977 cando se puxo en marcha o ferri. O seu uso é gratuíto e se queres cruzar nel só hai que tocar a bocina habilitada en cada beira.


Proposta do BNG

Cabe lembrar que o pasado mes de febreiro o BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para instar á Xunta a tomar as medidas necesarias para que a empresa concesionaria do encoro de Portodemouros cumpra coas súas obrigas a respecto das condicións que debe observar a barcaza e as instalacións que comunican as parroquias de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso), segundo o establecido nas condicións da concesión do encoro á compañía Naturgy.


O deputado nacionalista Xosé Luís ‘Mini’ Rivas reclamou na defensa da proposición non de lei o acondicionamento de instalacións e barcaza que, segundo explicou, debería supoñer a modificación do ancho actual das ramplas de acceso á embarcación ao que estableza un proxecto de enxeñería e que considerou non debería ser inferior a 13 metros en toda a lonxitude das ramplas, tanto do lado de Loño como na marxe de Beigondo; a dotación dunha nova barcaza con capacidade como mínimo para 20 toneladas de carga e un espazo de 13 metros de longo; unha correcta iluminación nos accesos e o acondicionamento das estradas para que poidan acceder os vehículos das dimensións establecidas pola lexislación aplicable.


De igual xeito, considerou preciso que o Executivo galego lembre á compañía a súa obriga de “avisar adecuadamente” cando hai avarías e de “subsanalas coa maior celeridade posible, ademais de presentar unha xustificación do período de suspensión do servizo”.

O deputado do BNG lembrou que cando se instalou a barcaza “era un apaño de desguace” e que sofre avarías frecuentes quedando sen servizo por períodos de tempo inasumibles para as persoas usuarias, unhas 50.000 aproximadamente ao ano, nunha media á que hai que sumar tamén uns 20.000 vehículos anuais. Neste sentido, exemplificou na avaría rexistrada en 2018 que deixou o servizo suspendido cerca dun mes, un servizo que, segundo recalcou, é “público, polo que se debería axilizar os traballos de reparación”.


Así mesmo, apuntou á “insuficiente iluminación” das instalacións, “chegando a non existir na vertente de Loño”, recalcou, para subliñar a continuación que esta deficiencia incide nunha falta de seguridade para as e os usuarios “provocando incluso que algún vehículo teña caído ao encoro por falta de sinalización”. Por último, salientou que as comunicacións das suspensións do servizo estanse a realizar cun simple cartel nas proximidades da embarcación, cando as persoas usuarias xa están alí, polo que tamén considerou preciso que o aviso se faga extensivo tamén a outros medios como emisoras locais, redes sociais ou mesmo os distintos concellos.

0 comentarios

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page