Tamén acollerá outra propostas hípicas como o morfolóxico de árabes ou diversas actividades cos cabalos de pura raza galega como protagonistas
Laura Moure/Silleda
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 46ª edición do 30 de maio ao 2 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda), volverá contar no seu programa con interesantes actividades ecuestres que incluirán novidades. Entre estas últimas destacará Paco Martos Horse Show. Un espectáculo para toda a familia no que participarán unha vintena de animais entre os que se incluirán cabalos e ponis, ademais de aguias e cans checoslovacos, os cales interactuarán coa
manda e co ser humano realizando magníficos exercicios en completa liberdade e deixando que mostren a beleza da súa natureza.

Será un show baseado no absoluto respecto cara aos animais e no vínculo e a vontade do animal de colaborar co seu condutor, Paco Martos, a través da comunicación e a complicidade. Incluirá sete números moi dinámicos de doma en liberdade que combinarán a doma de alta escola con exercicios tan arriscados como a posta húngara, na que Paco Martos subirá a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo (protexido) de cada un deles.
En todos os números a emoción e a elegancia mesturarase con momentos divertidos e outros trepidantes, ademais de gran cantidade de sorpresas que o fan único no mundo e que culminarán cunha impresionante posta en escena de 13 cabalos en liberdade.
Publicidade
O espectáculo terá unha duración de hora e media e desenvolverase entre as 18:30 horas e as 20:00 horas do domingo 2 de xuño, último día do certame. Así, a feira Abanca Semana Verde de Galicia 2024 poñerá o broche final ao seu programa con esta sorprendente proposta.
De rapa de cabalo galego ao morfolóxico de árabes
O certame contará tamén con outras interesantes propostas ecuestres durante a fin de semana, os días 1 e 2 de xuño. Nelas terán un papel protagonista os cabalos de pura raza galega. Así, tras anos sen celebrarse, recuperarase unha vistosa actividade, unha promoción de rapa das bestas que levará a cabo a Asociación de
Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga). Para iso, habilitarase un curro no que varios grupos de aloitadores de distintos puntos de Galicia onde se celebran rapas inmobilizarán unha por unha a varias eguas do monte seguindo técnicas seguras tanto para eles como para os animais para logo cortarlles as crines e as colas. De man desta asociación sumarase tamén o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, cuxas inscricións aínda están abertas.
Así mesmo, entre estas propostas incluirase unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”. Actividade que será copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. De man desta última tamén se realizará o taller “Os coidados do poni”, o cal permitirá aos máis pequenos cepillar, trenzar ou pasea á corda a ponis de razas shetland e mini shetland.
Publicidade
Por outra banda, centrado nos cabalos de Pura Raza Árabe e organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), celebrarase o XI Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C. Nel escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nacido en Galicia e exemplar nacio en Galicia coa máis alta puntuación.
Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación será merecedor do Best in Show, mentres que o mellor entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto. Ademais, tamén organizado por AGCCA, celebrarase un trail de primavera, consistente en superar probas de obstáculos como barras ou pontes cometendo o menor número de erros posible, tanto montados como a man, e con diversas especificidades en función do nivel de dificultade.
Comments