Será este venres con entrada gratuíta ata completar aforo
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon fin este venres ao programa cultural Outono a escena que, contou durante os meses de outubro e novembro con dezaseis propostas de artes escénicas e musicais para todos os públicos. Nas mesmas participaron
un total de 787 persoas, cifra que segundo a concelleira de Cultura, Aurora Varela, “constata a boa acollida desta programación por parte do público”.
A presente edición de Outono a escena péchase este venres na Capela da Madanela cun monólogo cómico a cargo de Tito Rober, un humorista ourensán afincado na Coruña que ten xa unha traxectoria contrastada con premios recibidos en diversos certames de monologuistas. Tamén ten colaborado en programas da TVG e dende hai un tempo traballa moito a improvisación. Neste eido, participa en espectáculos nos que comparte escenario con grandes do humor como Oswaldo Digón.
No monólogo que presenta para esta ocasión, titulado Tito Rober: grandes hits, o artista contará con moito humor anécdotas de bares, historias sobre as relacións de parella, situacións que nos trouxo e deixa a pandemia, o satisfayer, etcétera. A función comezará ás 21:00 horas e o acceso será libre e gratuíto ata completar a capacidade.
Aurora Varela convida a toda a veciñanza a asistir a este espectáculo “para poñer un gran broche de ouro a esta exitosa edición” e, ao mesmo tempo, agradece “a participación do público e a colaboración dos centros educativos que fixeron levar a bo porto todas as iniciativas do Departamento de Cultura”. Ao mesmo tempo, aproveita para anunciar que nos vindeiros días presentarase a programación completa do Nadal.
Comments