Un monólogo cómico sobre a gordofobia clausura a presente edición de “Outono a escena” de Arzúa
- Laura Moure
- 28 nov 2024
- 2 Min. de lectura
Será a cargo de Esther F. Carrodeguas, da compañía ButacaZero
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este venres a última actuación da programación cultural Outono a escena deste ano que ofertou nas fins de semana outonais dos meses de outubro e novembro un total de 14 propostas contando con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos. O certame ofrece este venres, 29 de novembro, a derradeira sesión dos chamados Venres na capela que achegan propostas para público adulto. Neste caso contarase co monólogo cómico O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada de Esther F. Carrodeguas, da compañía ButacaZero.

Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de autoficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho desta apaixonante sociedade da fermosura.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer pero sobre todo escritora. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e Licenciada en Periodismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben moito da súa faceta xornalística. Tras recibir varios premios, decide dar vida á plataforma profesional ButacaZero xunto a Xavier Castiñeira, quen adoita asumir a dirección dos proxectos comúns que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual. Na actualidade compaxina a súa faceta como empresaria en ButacaZero coa de ser dramaturga, directora teatral, actriz ou guionista de cine.
Publicidade
A función comezará ás 21:00 horas e será de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade. A apertura de portas realizarase media hora antes do inicio.
O concelleiro de cultura, José Luís García, anima “ás veciñas e veciños a participar neste espectáculo e agradece a participación de todas as persoas que se achegaron a algunha función durante o outono, pois o éxito desta programación é grazas ao público”.
Comments