
Un home foi trasladado en helicóptero tras sufrir un accidente co tractor que manexaba en Agolada
É veciño de Borraxeiros e quedou ferido de consideración
Ecos da Comarca/Deza
Un home resultou ferido de consideración esta tarde ao envorcar nunha leira o tractor que manexaba no termo municipal de Agolada.
O accidente tivo lugar en Couso de Abaixo, na parroquia de Borraxeiros, moi preto das seis menos cuarto. A vítima é un veciño do lugar de Cristín, tamén nesta parroquia. Foi, nese momento, cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar da situación do home accidentado.
A partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou ata unha zona próxima ao lugar do sinistro un helicóptero medicalizado, no que o home ferido foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Ademais, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Agolada, da Policía Local e da Garda Civil.