top of page
Foto del escritorecosdacomarca

"Un exemplo evidente do mal que a actividade mineira causa en Touro é o caso do rego Pucheiras"

"Touro e O Pino non somos zonas de sacrificio ao servizo dos intereses económicos particulares duns poucos", recalca a Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non


Ecos da Comarca/Touro

A Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non segue en loita e denuncia unha vez máis os impactos que provocou e provoca a mina de Touro. "As augas subterráneas e superficiais que transcorren polos terreos explotados non volveron a ter vida". En concreto, recalca que "un exemplo evidente do mal que a actividade mineira ten causado en Touro é o caso do rego Pucheiras, que nace no lugar da Zanca no monte de Arinteiro na parroquia de Loxo, coas augas claras e, neste tempo caloroso, pouco caudal. Esta semana, sorprendentemente, logo de atravesar os terreos da mina parece outro totalmente distinto, cunha mezcla de cores cobrizo e blanco aluminoso e un caudal moito máis abundante que antes do seu paso polos terreos mineiros"


COMUNICADO ÍNTEGRO

Dende a apertura da antiga mina de Touro, a principios dos anos 70 e o seu peche a

finais dos 80, as augas subterráneas e superficiais que transcorren polos terreos

explotados non volveron a ter vida. Máis de 30 anos despois, as drenaxes acedas

provocadas pola minería metálica son unha das principais fontes de contaminación dos

caudais.


A actual concesionaria, Cobre San Rafael, empresa participada pola local Explotaciones

Gallegas SL e a multinacional chipriota Atalaya Mining, lonxe de porlle solución aos

graves problemas ambientais ocasionados tanto pola antiga mina como polas

actividades que actualmente desenvolven outras empresas do conglomerado ubicadas

no terreo da explotación, aínda pretende que tanto a Xunta de Galicia como a veciñanza

de Touro e O Pino crean o conto de que a única solución posible é extraer máis cobre,

coma se máis contaminación fose a solución, no canto de plantexar (e costear, obviamente) unha restauración real e efectiva dos terreos danados.


Un exemplo evidente do mal que a actividade mineira ten causado en Touro é o caso do

rego Pucheiras, que nace no lugar da Zanca no monte de Arinteiro na parroquia de Loxo,

coas augas claras e, neste tempo caloroso, pouco caudal. Esta semana, sorprendentemente, logo de atravesar os terreos da mina parece outro totalmente distinto, cunha mezcla de cores cobrizo e blanco aluminoso e un caudal moito máis abundante que antes do seu paso polos terreos mineiros. Estes feitos “misteriosos” fan sospeitar dun punto de verquido artificial ao seu paso polos terreos de propiedade das empresas da mina, por onde entra en contacto coa balsa mineira de Vieiro. Nestas condicións, as augas tintadas do Pucheiras van dar ao río Brandelos, afluente directo do río Ulla.


Calquera pode ver o actual estado do rego seguindo o coñecido como “Camiño do Día

Vinte”, una ruta histórica que une os municipios de Touro e O Pino e que os novos

intentos de extracción de cobre ameazan con destruir. Os feitos coinciden cun bando da Alcaldía de Touro onde, por terceiro ano consecutivo, se solicita á veciñanza a redución de consumo de auga do abastecemento municipal para evitar ter que restrinxir o seu uso. Esa mesma Alcaldía é a que defende o inicio da actividade mineira, que precisaría inxentes cantidades de auga, cando nen sequera pode garantir o suministro de auga para toda a poboación nun ano que non se caracterizou por ser seco.


Sería lóxico pensar que, se calquera veciña ou veciño pode ver claramente o estado das

augas, tamén debería ocorrer o mesmo coas autoridades competentes, tanto no ámbito

municipal como desde a propia Xunta de Galicia a través do organismo de conca Augas

de Galicia, ou a Fiscalía de Medio Ambiente, máis cando existen múltiples denuncias sobre o lamentable estado de todos os regos e ríos da contorna da mina. Todos estes organismos teñen coñecemento desta situación desde hai moitos anos, pero ninguén

actúa con contundencia e determinación ante unha empresa que ¿casualmente? se

beneficia da adxudicación dunha porcentaxe importante de contratos públicos por

parte da Xunta de Galicia. A Lei de Contratos do Sector Público sinala no seu artigo 71

que unha das prohibicións para contratar coa Administración é ter sido sancionada con

carácter firme por infracción moi grave en materia medioambiental. Sendo esto así, por qué a Xunta de Galicia parece protexer e conceder tantos privilexios á mineira?


A veciñanza está farta de ser ninguneada polos organismos que se supón que velan polo

máis estrito cumprimento da lei e pola preservación do medio. Touro e O Pino non somos zonas de sacrificio ao servizo dos intereses económicos particulares duns poucos.


Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non

Estado do río Pucheiras estes días. Autor: Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page