Un estudante do instituto de Santa Comba gaña o 2º concurso da Asociación Feiral Semana Verde
- Laura Moure

- hace 6 días
- 3 min de lectura
A prata é para outro alumno do mesmo centro e o bronce para unha pupila do CPI de
Seoane do Courel
Laura Moure/Silleda
Dous estudantes do Instituto de Ensinanza Secundaria (IES) Terras do Xallas acadaron o primeiro e segundo premio, respectivamente, do II Concurso Literario ‘As Feiras Tradicionais Galegas’, convocado pola Asociación Feiral Semana Verde. O terceiro posto foi para unha alumna do Colexio Público Integrado Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel (Folgoso do Courel).
O vencedor desta edición é Luca Manuel Rial Gerpe, que cursa primeiro de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) no citado centro da comarca do Xallas. El presentou un
traballo titulado ‘Na casa dun labrador para que entraran cartos tiñan que vender algo primeiro’. Nel a súa avoa relata como eran as feiras no municipio e que utilidade tiñan,
a través de varias anécdotas e aportando reflexións, como o feito común de que este
tipo de mercados servían para trocar e facerse con produtos menos habituais nas casas, como o aceite ou o peixe, no caso das zonas de interior.

O segundo premio acádao Álex Ameijeiras Grille, estudante de cuarto da ESO do mesmo instituto xallés, que presentou traballo baixo o suxerente título ‘Santa Comba, a terra onde se remexía o carto” e no que o seu entrevistado, de Carballo, fala sobre como se ía ás feiras, dos tratos nelas, das tardes despois dos mercados e de como melloraron ao respecto.
O terceiro posto é para Irene López Lago, alumna de terceiro da ESO do Centro Público Integrado (CPI) Poeta Uxío Novoneyra, de Seoane do Courel, en Folgoso do Courel. ‘As
feiras de Seoane con Teresa’ é o titular da entrevista que lle fai á súa avoa. Ambas
empregan un léxico con variantes dialectais propias da zona que enriquecen a conversa.
PUBLICIDADE
Os tres vencedores recollerán os seus galardóns durante a 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia o día 5 de Xuño . O autor do primeiro premio recibirá un vale de 500 euros, o autor do segundo, un vale de 300 euros e a asinante do terceiro, outro de 200 euros.
O centro do gañador acadará, ademáis, un vale para unha saída didáctica ao Mosteiro de Carboeiro, ao Museo do Campo e a Mecanización en Silleda e o Museo do Mel O Enredo do Abelleiro en Portodemouros (Arzúa), cun máximo de 30 alumnos, para gozar no vindeiro curso lectivo. O mesmo instituto xallés disporá tamén dun vale para unha visita guiada ao Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda (Lalín) cun obradoiro de cerámica prehistórica, o premio establecido para o segundo clasificado. O terceiro centro elixido desfrutará dun vale para a entrada ao Museo do Ferrocarril de Galicia (Monforte), con un máximo de 30 alumnos, para gozaren no vindeiro curso lectivo.
A entrevista vencedora pode lerse no último número do boletín ‘Cultura Rural’ que a Asociación Feiral Semana Verde acaba de publicar, así como na páxina web do colectivo www.afeiral.com , onde tamén están dispoñibles os outros dous traballos gañadores.
PUBLICIDADE
Ao certame presentáronse un total de 79 traballos chegados de diferentes puntos da xeografía galega. O xurado estivo integrado pola docente Carme Frade Gómez, polo historiador e docente Xoán Carlos García Porral e polo docente Matías Rodríguez da Torre, xunto coa secretaria da Asociación Feiral, Blanca Paz Muíños.
O xurado destaca a temática interesante que amosan en xeral tódolos traballos presentados a esta edición do concurso, así como o importante valor etnográfico e
antroponímico que reflicten, cun léxico moi rico, recollido especialmente nas expresións das persoas entrevistadas. O comité deliberador sinala que as obras concursantes ofrecen a rememoración dun mundo como é o das feiras e os sistemas de mercado de antes que está esmorecendo nalgúns casos e xa perdéndose noutros, e con el desaparece ese léxico tan rico ao que fai mención.








Comentarios