Ecos da Comarca/Melide
O Equipo @ Milladoiro da Comandancia da Garda Civil da Coruña, especializado en asesoramento, prevención e resposta en materia de ciberdelincuencia, esclareceu un delito de estafa, procedendo á identificación e investigación dunha persoa na localidade de Alxeciras (Cádiz). A investigación, denominada CANEKO, iniciouse en abril do pasado ano tras as denuncias interpostas nos cuarteis da Garda Civil de Arzúa e Melide. Un empresario denunciou sufrir unha estafa ao realizar o pago dunha factura por valor de 4.200 euros a unha empresa de Melide, mediante o método coñecido como BEC (Business Email Compromise) ou compromiso de email corporativo.
Este tipo de estafas sofisticadas diríxense a medianas e pequenas empresas mediante unha combinación de técnicas como phishing, vishing e enxeñería social. Os delincuentes envían correos electrónicos desde direccións que imitan ser de empresas provedoras, enganando aos seus clientes para que realicen transferencias bancarias ás contas dos estafadores.
Publicidade
O prexudicado, ao poñerse en contacto coa empresa para informar que ía realizar o pago dunha segunda factura, descubriu que o número de conta non pertencía á devandita empresa. Ao revisar as transferencias, deuse conta de que o número de conta non coincidía co comunicado pola empresa, decatándose así de que fora estafado. A empresa de Melide presentou a correspondente denuncia por acceso non autorizado ao seu correo electrónico, desde onde se enviaron correos modificados para o pago da factura.
Publicidade
O Equipo @ Milladoiro, tras analizar toda a información e movementos bancarios, identificou e investigou a unha veciña de Alxeciras como a beneficiaria económica da estafa, quen xa contaba con antecedentes polo mesmo modus operandi. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Garda de Arzúa
Comments