Falamos da romaría na honra a San Ramón que se celebrou neste lugar palense
Laura Moure/IsmaelRS/Palas de Rei
Tradición, relevo xeracional, ilusión, amor polo noso e sentir de pertenza a unha terra foi o que se respirou o pasado día 3 de setembro na festa en Hérmora. Este lugar, que algúns escriben con H e outros sen ela, pertence á parroquia palense de Cuiña e atópase entre tres concellos: Palas de Rei, Melide e Toques. Como cada primeira domingo de setembro celébrase unha romaría campestre na honra a San Ramón. ECOS DA COMARCA estivemos alí guiados por unha persoa que o sabe todo deste sitio e desta celebración: el é Tucho Ayude, de 83 anos.
Publicidade
Só basta con ver a súa emoción para saber o importante que é para el Hérmora. O lugar que o viu nacer e medrar. De feito, no pobo hai tres casas que en tempos pasados era unha única e pertencía á familia del. Agora esta está dividida en tres vivendas: unha propiedade de Ayude e as outras das súas primas. Ademais, ao lado das vivendas está a hermita de San Bartolomeo que tamén era propiedade dos seus antepasados.
Como dicimos, Ayude ten 83 anos e sempre recorda esta festa que se lle fai ao San Ramón. De feito, durante moitos anos encargouse da organización desta romaría, un relevo que agora lle pasou as súas primas Loli Pardo e Vero Rivas que fan que a tradición siga en pé.
Son moitos os veciños do concello e dos limítrofes que suben ata Hérmora para desfrutar da misa, dunha comida campestre e de música. E falando de comer hai quen improvisa moi ben o comedor. Falamos dun grupo de compañeiros que por segundo ano consecutivo, empregaron un camión de transporte de gando porcino como comedor! Pero todo isto poden velo no seguinte vídeo:
Como tamén vimos na grabación, algúns acuden a cabalo como marca a tradición. E falando de tradición nunca se deben perder os xogos de antaño; os xogos que unen; os xogos en equipo, os xogos de toda a vida! Nesta ocasión, a comisión de festas (como tamén podemos ver no vídeo) promoveron o xogo da vasoira. Queredes saber en que consiste?
Publicidade
Soa a música e toca bailar por parellas! Mentres soa téñense que ir pasando a vasoira, e unha vez que esta para, perde a dupla que tiña a vasoira na man. Así unha e outra vez ata quedar só un par de bailaríns! E queredes saber quen gañou? Temos que dicir que a primeira das competicións estivo moi reñida e o curioso é que os vencedores andiveron entre a parella máis maior e a máis nova. Pero foron os cativos Manuel e María os que se alzaron coa vitoria!
Nós agardamos volver o ano que vén! Aquí vos deixamos fotos da celebración!
Autor: Ecos da Comarca
Comments